Adxudicadas as obras para a rehabilitación da casa consistorial de Vilalba

TerraChaXa
As actuacións, cun investimento de máis dun millón de euros, realizaranse con cargo ao PIREP local logo da prórroga acadada polo goberno vilalbés
infografia-obras-remodelacion-casa-consistorial-vilalba2
9 Jan 2025

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, vén de informar da adxudicación definitiva das obras para a rehabilitación da Casa do Concello á empresa Regenera construcciones y contratas 2022 S.L. por un importe de 1.106.185,96 euros.

As actuacións centraranse na rehabilitación da Casa Consistorial co fin de mellorar a súa eficiencia enerxética e accesibilidade e faranse con cargo ao PIREP local. Unha subvención conseguida polo goberno local no ano 2022 e cuxo proxecto fora sacado a licitación en tempo e forma.

Non obstante, “nese entón o procedemento tivo que declararse como deserto porque só se presentou unha empresa que segundo informou a mesa de contratación non cumpría os pregos”, explicou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.

En consecuencia, o equipo de goberno de Rouco traballou na consecución dunha prórroga desta importante subvención do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, que foi acadada e permitiu que o Concello de Vilalba conte cos case 944.000 euros do Programa de Impulso á Rehabilitación dos Edificios Públicos de Entidades Locais.

“Estamos a falar dunha subvención de case un millón de euros que se conseguiu grazas ao proxecto presentado polo Concello e que baixo ningún concepto podiamos deixar escapar, pois sen esta axuda sería inviable levar a cabo a rehabilitación da Casa do Concello”, explicou a rexedora vilalbesa, Marta Rouco.

Pola súa banda, tamén fixo fincapé na importancia de “acadar axudas doutras institucións para, progresivamente, acondicionar os edificios públicos municipais que acumulan anos e anos sen un mantemento axeitado e que o goberno local herdou con graves problemas de filtracións de auga e humidades, como é o caso do Concello, a Casa da Cultura ou o Auditorio Municipal”.

OBRAS DE REHABILITACIÓN

No referido ás actuacións, co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética do edificio, incorporarase un sistema de xeración eléctrica composto por placas solares fotovoltaicas con batería e levarase a cabo unha renovación integral da envolvente, incorporando illamento e acabados en fachadas e cuberta.

Así mesmo, “substituiranse o total de luminarias existentes por outras de tecnoloxía LED; supoñendo estas actuacións, no seu conxunto, unha importante mellora para a sustentabilidade enerxética do edificio” salientou Marta Rouco, quen engadiu que “a Casa do Concello converterase en case autosuficiente en termos enerxéticos, o que reducirá as facturas de mantemento ao mínimo e repercutirá nun importante aforro económico para as arcas municipais”.

Pola súa banda, no interior do edificio introduciranse medidas de mellora da accesibilidade física e cognitiva, garantindo baños accesibles e información adaptada; melloras de confort, con zonas de espera e outros servizos en recibidores e distribuidores e melloras organizativas, coa recolocación dalgúns usos internos a través do reaxuste puntual dalgún dos espazos existentes.

“Lograremos un edificio máis ordenado, establecendo a fórmula para que cando o cidadán entre na Casa do Concello teña claro a onde ten que dirixirse e sexa moito máis intuitivo do que é neste momento”, concluíu a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.

0.15939092636108