Adxudicadas nas Pontes as obras de renovación da rúa Real

TerraChaXa
O proxecto permitirá dar continuidade ás actuacións realizadas nos últimos anos nesta contorna
obras-rua-real-e-balsa-as-pontes
5 Jun 2026

O Concello das Pontes vén de adxudicar as obras de renovación do pavimento e mellora da rúa Real (2ª fase), unha actuación destinada a reforzar a seguridade peonil, mellorar a accesibilidade e contribuír á posta en valor dun dos espazos máis emblemáticos do casco histórico da vila.

O proxecto permitirá dar continuidade ás actuacións realizadas nos últimos anos nesta contorna, avanzando na modernización dos espazos públicos e na creación dunha imaxe urbana máis homoxénea e funcional no centro histórico.

A empresa Ambientum Tratamiento Global del Medioambiente S.L será a encargada de executar os traballos, que contan cun investimento total de 89.518,80 euros, IVE incluído, e cun prazo de execución estimado de dous meses.

Entre as actuacións previstas figura a substitución do pavimento actual, formado por lousas de granito que presentan un elevado nivel de desgaste e incidencias derivadas de roturas e desprendementos. O novo firme executarase con lousas de granito de acabado flamexado, unha solución que mellora a adherencia e incrementa a seguridade dos peóns, especialmente durante os períodos de choiva.

A intervención inclúe tamén a renovación da base de asentamento do pavimento mediante a incorporación de novos materiais que garantirán unha maior estabilidade estrutural e unha vida útil máis prolongada. Así mesmo, conservaranse as características actuais da rúa en canto a niveis e pendentes, mantendo o sistema de drenaxe existente para asegurar unha correcta evacuación das augas pluviais.

No marco das obras realizaranse ademais traballos de adaptación de rexistros, arquetas e sumidoiros, así como actuacións de mantemento nas franxas laterais lastradas, onde se detectaron deterioros que requiren reparación e reposición do rexuntado.

Outro dos aspectos destacados do proxecto será a mellora da iluminación ornamental da rúa mediante a instalación de novas balizas luminosas que complementarán o alumeado existente. A utilización de canalizacións xa dispoñibles permitirá executar esta actuación minimizando as afeccións e evitando novas obras de infraestrutura.

Co obxectivo de preservar a calidade do espazo público e reforzar a seguridade viaria, o proxecto contempla tamén a colocación de bolardos e outros elementos de sinalización que contribuirán a regular o acceso de vehículos ás zonas máis sensibles da rúa.

O Concello lembra que esta actuación se centra exclusivamente na renovación urbana da rúa Real e non inclúe intervencións no coñecido como Ponte dos Ferros, ben patrimonial para o que se prevé desenvolver unha actuación específica e independente.

Con esta nova actuación, o Concello das Pontes continúa avanzando na mellora da calidade dos espazos públicos, apostando por unha vila máis accesible, segura e respectuosa co seu patrimonio histórico.

0.11506104469299