Adxudican a renovación do alumeado en Santaballa e Rioaveso

TerraChaXa
O Concello de Vilalba adxudicou as obras para a renovación das instalacións e o alumeado exterior en novos núcleos de poboación.
led lampada rua
24 Xuño 2022

O Concello de Vilalba adxudicou as obras para a renovación das instalacións e o alumeado exterior nos núcleos de poboación de O Carrizo e Feiranova (parroquia de Santaballa) e As Campelas (Rioaveso). Os traballos estarán rematados en novembro.

Con esta actuación, o concello renova un total de 201 puntos de luz con tecnoloxía LED (87 en Balneario O Carrizo, 48 en Feiranova e 66 nas Campelas), mellorando desta forma a eficiencia enerxética e rebaixando o consumo de enerxía e a contaminación lumínica.

O proxecto inclúe tamén a renovación dos cadros e caixas, xa que o conxunto de instalacións que xestionan o alumeado nestes núcleos está en mal estado. Tamén se substituirán o cableado e os condutores da rede de distribución, tanto os subterráneos como os aéreos.

Unha vez instalado o novo alumeado, o aforro enerxético superará o 70% e a redución de gasto para as arcas municipais rondará os 7.300 euros anuais. As novas luminarias dispoñen por outra parte dun sistema de regulación individual por bluetooth.

O orzamento da obra supera os 200.000 euros, pero o concello conseguiu unha subvención do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), que aporta o 80% do investimento.

Trátase da terceira subvención do IDAE que acada o actual grupo de goberno neste mandato municipal para a renovación do alumeado público. Son unhas axudas que saíron no 2015 pero na anterior lexislatura non se solicitou ningunha.

De feito, desde 2019 renováronse en Vilalba máis de 500 luminarias con tecnoloxía LED no casco urbano e as parroquias, cun investimento de 600.000 euros dos que o concello só aportou 70.000 euros. Con estas actuacións, o aforro para as arcas municipais supera xa os 30.000 euros anuais.

Entre outras rúas e zonas, contan con novo alumeado e instalacións eléctricas as rúas Pedreiras, Plácido Peña, Domingo Goas, Calvario e Jose Mª Chao Ledo.

0.18938684463501