Adxudican as obras de ampliación da rede de saneamento de Begonte
Trátase dun investimento de case 230.000 euros cos que se dotará deste servizo o Camiño de Saavedra, que atravesa o lugar do Marco, na parroquia de Carral, unha zona maiormente residencial na que abundan as construcións auxiliares destinadas a usos agrícolas e vinculadas ás vivendas.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a encomenda á empresa pública Seaga da execución das obras de ampliación da rede de saneamento do concello de Begonte, na parroquia de Carral, cun investimento 228.706 euros.
A través deste contrato, a Xunta impulsa as obras para dotar de saneamento o denominado Camiño de Saavedra, que atravesa o lugar do Marco, de carácter maiormente residencial e no que abundan as construcións auxiliares destinadas a usos agrícolas e vinculadas ás vivendas.
AS OBRAS
Ao lugar do Marco accédese desde a estrada N-VI a través de dúas vías locais nas que existe rede de abastecemento municipal. Unha das vías dispón de rede de saneamento, pero sen conexión á rede existente, pero a outra carece deste servizo.
Mediante este contrato acometeranse as actuacións deseñadas pola entidade hidráulica da Xunta para dotar de saneamento o denominado Camiño de Saavedra do lugar do Marco, localizado na marxe dereita da N-VI, mediante a execución de rede de colectores ata a rede actual, que a conducirá á estación de tratamento de augas residuais de Carral.
Para iso, executarase unha rede de ramais de saneamento de preto de 700 metros de lonxitude con 3 colectores que conecten as augas residuais das vivendas non conectadas na rede municipal.
Máis en detalle, construirase un colector de 535 metros ao longo do Camiño de Saavedra onde se conectarán 10 acometidas domiciliarias; o segundo colector, de case 80 metros de lonxitude, desenvolverase por camiño público perpendicular, con 2 acometidas domiciliarias; e un terceiro colector, de 62 metros de lonxitude, cuxa acometida quedará preparada para a conexión dunha edificación próxima.
Na intervención, proxéctase tamén a renovación da condución de abastecemento nunha lonxitude de 495 metros, xunto con 10 acometidas domiciliarias.
As obras incluirán a reposición da rede viaria existente afectada polas obras.
Os traballos teñen un prazo de execución de 4 meses, polo que se prevé poder telos rematados este mesmo ano.
Esta intervención enmárcase no convenio selado entre a Xunta e o Concello de Begonte, polo que a administración autonómica se compromete a executar e financiar integramente as actuacións; e a administración local, pola súa banda, a realizar os trámites municipais necesarios así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.
A intervención será financiada con fondos europeos no marco do eixe REACT-UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte de resposta da Unión á pandemia da covid-19.