Aé, aé, aé... La Chambelona!

TerraChaXa
Por Moncho Paz Ángel Yáñez Paz chegou a Vilalba no mes de agosto de 1953.
Moncho paz
16 Mar 2020

Por Moncho Paz

Ángel Yáñez Paz chegou a Vilalba no mes de agosto de 1953. Non coñecía Galicia, as poucas referencias que tiña da nosa terra eran tan só polos comentarios que se facían na intimidade familiar. Afillado do meu avó Mario Xosé, era o terceiro dos catro fillos de Xeneroso Yáñez Balsa e de María Xosefa Paz Bello, que anunciaran a súa visita por carta varios meses atrás. Como era costume naquel tempo, o raparigo foi inscrito polo seu pai no Centro Galego da Habana cando cumpriu os cinco anos, a idade mínima esixible para ser socio. Este feito favoreceu o seu contacto precoz co mundo da música e do espectáculo.

Na década de 1950 producíanse as primeiras reticencias a recibir emigrantes en Cuba, as autoridades escudábanse nos problemas laborais polos que atravesaba o país. Esta situación provocou que miles de galegos emigrasen de súpeto cara a Europa, en proceso de reconstrución tras a Segunda Guerra Mundial. Deste xeito, Francia, Alemaña, Suíza, Bélxica e Inglaterra recibían man de obra procedente das catro provincias.

Cando o meu avó deixou Cuba en 1933, Angelito -como o coñecía todo o mundo no seu círculo máis próximo- contaba oito anos de idade. Nado en 1925 no distrito de Centro Habana, era o pícaro da familia, cun sorriso inconfundible que o facía adorable a pesar das súas trasnadas. Co transcorrer dos anos converteuse nun afamado dandi da noite caribeña. Gran afeccionado á fotografía, posuía unha cámara Argus modelo Argoflex Seventy-Five, unha compacta de caixón con dobre lente e visor de cintura, fabricada en Estados Unidos e que hoxe conservamos na nosa casa de Compostela como ouro en pano. Este singular aparello acompañaba sempre a Angelito nos intres de lecer, e por iso o trouxo a Galicia naquela viaxe, na que durante un mes percorreu a Terra Chá, establecéndose entre a casa de Mario Xosé en Vilalba e a do seu curmán Inocente Yáñez, en Santaballa. Tamén coñeceu Compostela e Pontevedra. Gustáballe pasar as horas co seu padriño no ultramarinos da Casa dos Marios -por aquel entón na rúa Xardíns- e conversar cos paisanos que ían facer a compra mentres degustaba un café tras outro.

Festeiro por natureza, era asiduo das romaxes galegas que se organizaban na Habana, fundamentalmente en domingo, nos locais comerciais das cervexerías La Tropical e La Polar, e outras veces no das augas minerais La Cotorra. Estas celebracións estaban amenizadas por orquestras e tunas, aínda que a maioría das veces contaban coa presenza de pequenos grupos, integrados por un gaiteiro e un tamborileiro, acompañados de acordeón, guitarra e bandurra. Naquelas xuntanzas, logo de asistir á cerimonia relixiosa en honra do patrón ou da patroa de quenda e gozar do típico xantar de cociña galega, as distintas familias que se daban cita comentaban as novas que outros traían das súas visitas a Galicia, onde todos tiñan depositada a súa ollada e o seu corazón. Había cantos e bailes populares, que remataban solemnemente co himno galego.

Angelito Yáñez tocaba ben o harmónico, o bongó e a clave, e entornaba aínda mellor La Chambelona, emblemática conga moi popular na illa caribeña: “Una bella margarita / Lisonjera y retozona / Con amor me dio una cita / ¡Merecería una corona! / Aé, aé, aé... La Chambelona! / Yo no tengo la culpita / Que la dulce picarona / Un día de Santa Rita / Me enredara en la encerrona / Aé, aé, aé... La Chambelona! / Guardarraya muy solita / Se llevó a la muy bribona / Con mi corazón ¡maldita! / Sin dejarme luz... ¡Ladrona! / Aé, aé, aé... La Chambelona!”.

Era un persoeiro moi coñecido nas exóticas algueiradas da Habana. Cliente habitual do cabaré Tropicana, remataba alí as noites de xolda pola vantaxe da proximidade desta sala de festas coa residencia do seu irmán Néstor, situada na zona de Marianao, no municipio de Playa. Angelito traballaba na tinturaría familiar, encargándose fundamentalmente da distribución das prendas a domicilio, de aí que coñecese case todos os recantos da capital cubana, pola que transitaba co seu Mercury Eight do 49, que anos despois trocaría por un Chevrolet Bel-Air do 57.

Contaba o Chavito, que daquela tiña quince anos de idade e xogaba no Racing Vilalbés, que a visita de Angelito fora todo un acontecemento na nosa vila. Os seus ollos azuis, o seu porte elegante, a gracia do seu falar, os seus modais refinados e o corte impecable dos seus traxes daban un aquel de distinción ao noso curmán cubano. Pero o que de verdade causaba sensación eran as medias de seda, tan escasas  naquel tempo de posguerra, coas que Angelito obsequiaba a canta moza quería seducir. Sempre levaba na man esquerda un reloxo de pulseira Juvenia que recibira do seu padriño anos atrás, como agasallo de primeira comuñón.

Despois daquel mes en Galicia, Angelito regresou a Cuba con devezo, pois non se acostumaba ben ao noso clima. Cando triunfou a Revolución en 1959, a familia Yáñez Paz reuniuse en asemblea e decidiu ficar na Habana. Cada un adaptouse á nova realidade á súa maneira. Angelito pasou a traballar como empregado na tinturaría familiar, onde antes era propietario. Custoulle asumir a situación, pero rematou por aceptala. Sempre mantivo contacto con Galicia, a través do meu avó Mario Xosé, do meu pai, e tamén comigo, tanto por carta como por teléfono. Visiteino todas as veces que fun á illa; ao velo recoñecín inmediatamente a aquel home elegante e con chispa do que o meu pai tantas veces me tiña falado. Percorremos xuntos as rúas da Habana, que tan ben coñecía. E tomamos “un mojito en La Bodeguita” e “un daiquiri en El Floridita”. Angelito deixounos en 2010, con oitenta e cinco anos. Nunca o esquecerei.

Foto mocho artigo
0.21332192420959