Aforro en alimentación, como facelo?
Resulta complicado imaxinar un aforro significativo en alimentación, posto que os hábitos e necesidades non varían mes a mes, así que pese a ofertas ou descontos, o custo da compra adoita ser máis ou menos igual. Non obstante, aforrar algúns cartos na cesta é posible con pequenos trucos, que incluso poden mellorar as características da alimentación familiar.
Non todo é elixir marcas brancas ou decantarse polo supermercado que a simple vista pareza máis económico. Manter a calidade dos produtos así coma a calidade da dieta, deben ser os principais obxectivos á hora de facer a lista da compra. A continuación atópanse algúns consellos para que estes requisitos poidan cumprirse sen pór en risco a economía familiar:
1. Mercar produtos de tempada: O primeiro paso que se debe dar para axustar os prezos dos produtos frescos, é escoller alimentos de tempada. Información ó respecto pódese atopar en páxinas coma a da OCU (Organización de Consumidores e Usuarios) ou preguntando no propio establecemento.
Neste mes de decembro, pódese optar por froitas coma laranxa, "chirimoya", uvas, caqui, mandarina e kiwi; por vexetais tales coma alcachofa, lombarda, berenxena, repolo, nabo, espinaca, brócoli, coliflor, xudía verde, porro e endivia e polos diferentes peixes e mariscos; bonito, ollomol, xarda, dourada, linguado, maragota, sargo, sepia, polvo, navalla, mexillón e ameixa. A mellor opción é facer a compra dos mesmos en pequenos locais e evitar os supermercados, posto que aínda que o prezo é mais ou menos similar, a calidade dista bastante.
2. Non excederse no consumo de carne e peixe: A carne e o peixe son os alimentos que máis encarecen a alimentación. Ademais, en España, existe un excesivo consumo dos mesmos, posto que se inclúen de maneira diaria e tanto en comidas coma en ceas. Reducir o consumo dos mesmos a un máximo de cinco veces semanais (dous de carne e tres de peixe), traduciríase nun aumento de efectivo na certeira. No seu lugar, pódense introducir proteínas de orixe vexetal, tales coma garavanzos, lentellas, fabas ou chícharos, que ademais de mellorar a economía, permiten unha mellora da saúde.
3. Reducir alimentos envasados: Pese a que estean de oferta ou teñan un baixo prezo, polo xeral, os produtos envasados non son de interese nutricional, xa que ó non aportar nutrientes de interese para a saúde, son cartos desperdiciados. Cambiar os cereais ou galletas do almorzo por pan do día anterior ou por copos de avea, poden ser os primeiros cambios a seguir. Outra opción é escoller alimentos crus e non preparados coma arroces ou legumes, dado que aínda que o prezo pode parecer algo superior, a cantidade final é maior.
4. Cambiar as formas de cociñado: Se o consumo de frituras está moi presente na dieta familiar é posible que exista a necesidade de mercar aceite case todos os meses, encarecendo bastante a compra. A mellor opción para a saúde é optar por un aceite de oliva virxe extra; debido o seu prezo, resulta preferible reducir o consumo a dúas ou tres culleradas diarias por persoa, mellor en cru.
5. Elaborar unha lista da compra e un menú semanal: A organización é fundamental á hora de ter éxito e abaratar custos, débense planificar ben as comidas e coñecer que pratos se van a cociñar antes de acudir ó supermercado. Pode ser de axuda elaborar receitas que inclúan as mesmas hortalizas dous ou tres días seguidos, para que así non se estraguen as sobras no refrixerador.
Ademais, débese evitar pasar por corredoiros nos que non se atope nada da lista, deste xeito non se caerá na tentación de mercar ofertas ou produtos sen valor nutricional. O que non estea na lista, non será necesario.
En resume, organizar a compra, reducir carnes e peixes, aumentar legumes, pastas, arroces e patacas en cru, escoller produtos de tempada, evitar procesados sen valor nutricional e cociñar sen exceso de graxas, son os principais trucos para aforrar uns cartos na alimentación sen pór en risco ou incluso mellorando a saúde familiar.
Marta Pérez Fandiño
Nutricionista de NutriPasos