AGACA celebra en Lugo un monográfico sobre sustentabilidade do sector vacún
A Sociedade Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) celebrou en Lugo unha xornada monográfica co título Sustentabilidade do sector de vacún de carne, que se enmarca no programa de Formación do proxecto europeo AGROSMARTcoop. Durante o monográfico, orientado a profesionais do sector cárnico, desenvolvéronse sete relatorios.
As axudas da PAC 2018, a coexistencia e prevención de danos causados polo lobo, as próximas actuacións da Interprofesional Provacuno para promocionar o sector e as previsións comerciais da IGP Vaca e Boi de Galicia foron os temas da xornada de mañá que se completaron cos relatorios sobre Origin Green, un programa irlandés para reducir pegada de carbono e sobre tendencias en innovación e en canto á Reforma da PAC e ás negociacións entre a Unión Europea e Mercosur.
AGROSMARTcoop é un proxecto europeo cofinanciado polo Programa Interreg Sudoe 2014- 2020 dentro do eixo prioritario de fomentar a competitividade e a internacionalización das pemes do Suroeste europeo, cuxo obxectivo principal é crear un espazo de promoción, interconexión e interacción intelixente, dotando de estruturas, ferramentas e servizos avanzados de apoio ás cooperativas agroalimentarias do espazo SUDOE para mellorar na innovación tecnolóxica, de xestión e de comercialización a través do fomento do coñecemento, as boas prácticas e a intercooperación.
O proxecto está cofinanciado, nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e a UE, con cargo ao Programa de Cooperación Interreg V-B Europa Suroccidental (Interreg Sudoe 2014 – 2020), e dispón dun presuposto total de 1.295.000,00 euros (axuda FEDER: 971.250,00 euros).
Durante dous anos, ata o 30 de xuño de 2018, oito entidades beneficiarias de seis rexións europeas dedicarán esforzos a precisar sinerxías e potencialidades. O consorcio internacional está conformado por Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias, AGACA, encargada de liderar o proxecto; Cooperativas Agro-alimentarias Castilla - La Mancha, CACLM; Federación de Cooperativas Agro-alimentarias de Euskadi, FCAE; Centro de Investigaciones Científicas y Tecnológicas de Extremadura, CICYTEX-Junta de Extremadura; Association des Régions Européennes des Produits d’Origine, AREPO (Francia); Coop de France Nouvelle Aquitaine, CDF NA (Francia); União Cooperativa Polivalente da Região Norte, UniNorte (Portugal) e Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, UTAD (Portugal).