Agromuralla pide axudas directas para as leiras onde non se poden recoller os cultivos

LugoXa | TerraChaXa
O colectivo estima en máis de 4.000 euros por hectárea de millo as perdas para as granxas
danos-temporal-kirk
21 Out 2024

Os efectos do temporarl Kirk e as continuas borrascas que están a deixar choiva en Galicia neste outono están a causar "perdas importantes" nas principais producións que se recollen nesta época do ano, como o millo ou a pataca, segundo explica a asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla, que está a manter contactos con outros colectivos afectados de cara a presentar unha iniciativa conxunta diante da Xunta de Galicia na que se pide a declaración de zona catastrófica das áreas onde se concentran máis danos de cara a poder acceder a axudas que palien as perdas.

Estiman que no caso das granxas de leite, unha hectárea de millo que non se poida apañar equivale a uns 4.000 euros, tendo en conta os gastos de abonado, sementeira e tratamentos (uns 1.500 €), máis o desembolso que terán que facer as explotacións para encher os seus silos para alimentar ao gando durante o inverno (uns 2.500 euros para un rendemento medio equivalente ao obtido nunha hectárea).

As zonas máis afectadas

Os fortes ventos e a intensa chuvia asociada á borrasca Kirk produciron danos importantes nas plantacións de millo forraxeiro por toda Galicia, deitándoo e deixándoo inservible en moitos casos. "O enchoupamento das terras dificulta ademais a entrada da maquinaria para o seu ensilado e a posterior sementeira das pradeiras. As comarcas máis afectadas foron as da Terra Chá en Lugo, amplas zonas da Coruña, como Curtis ou Trazo, e a comarca do Deza na provincia de Pontevedra".

No caso da comarca da Limia, o sector máis afectado é o da pataca, con parcelas completamente anegadas onde o tubérculo non poderá ser recollido e podrecerá na terra, polo que os gandeiros de leite se solidarizan cos agricultores ourensáns e apoian as súas reivindicacións e as xestións que están a levar a cabo.

Agromuralla pide ademais que as axudas directas se estendan a outros colectivos, como a castaña ou a faba, cuxas producións este ano foron estragadas polo mal tempo, tirando ao chan a castaña antes de que estivera madura e podrecendo a faba na planta no caso dos produtores de horta.

Modificar as cláusulas do Agroseguro

"Na maioría dos casos o problema para os produtores agrávase porque a maioría non contan con seguros que cubran estes danos, polo que pedimos que sexan valorados e cubertos mediante axudas directas da Administración, debido a que a maioría de agricultores e gandeiros non contan con pólizas que cubran estas perdas ou, no caso dos que teñen seguro, as súas condicións leoninas van impedir o cobro das indemnizacións", asegura Agromuralla.

Neste sentido, explica, "en moitas delas ten que haber un mínimo do 8% da superficie afectada", mentres que noutros seguros "a franquicia é moi alta" e impide que boa parte dos danos sexan abonados.

As perdas polos temporais deste ano nos cultivos de millo únense ás do xabarín, que todos os anos provoca cuantiosos destrozos nas principais zonas produtoras e este ano de xeito máis intenso.

"O maior desastre natural que ten o millo neste momento segue a ser o porco bravo, que se converteu nunha auténtica praga totalmente descontrolada, ao igual que está a acontecer co lobo", asegura Agromuralla, que considera que a decisión da Xunta de declarar a emerxencia cinexética e permitir a caza do xabarín sen limitacións en 260 concellos "chega moi tarde".

0.14486503601074