Alba García toma posesión como nova concelleira do BNG das Pontes

TerraChaXa | FerrolXa
Tamén a incorporación de Daniel Balseiro, cuxa entrada na Corporación quedou finalmente aprazada
alba-garcia-concelleira-bng-as-pontes
25 Aug 2026

Alba García tomou posesión este luns como nova concelleira do BNG das Pontes durante o pleno extraordinario celebrado no Concello, no que estaba prevista tamén a incorporación de Daniel Balseiro, cuxa toma de posesión quedou finalmente aprazada. A incorporación de García supón a entrada dun novo perfil novo na corporación municipal, a menos dun ano das próximas eleccións municipais.

A renovación do grupo nacionalista comezou o pasado mes de maio coa saída de Kiko da Silva, un dos edís máis veteranos da corporación, na que permaneceu durante 31 anos, e de Chus Gómez, que acumulaba tres mandatos.

Alba García Bouza, nada nas Pontes en 1998, incorporouse á candidatura do BNG por primeira vez nas eleccións municipais de 2023, nas que ocupou o posto número doce. Graduada en Humanidades e cun máster en Lóxica e Filosofía da Ciencia, actualmente ultima un doutoramento en Ciencias Sociais, especializado en Socioloxía Económica, e desenvolve a súa actividade nos ámbitos da docencia universitaria e a investigación.

O seu perfil está vinculado especialmente á cultura, o desenvolvemento económico e a promoción social. Desde o BNG destacan tamén a súa xuventude e a súa implicación coa localidade, onde pretende poñer os seus coñecementos e experiencia ao servizo dos veciños.

A incorporación de Daniel Balseiro, de 43 anos, queda pendente para unha próxima sesión. Nado en Londres e residente nas Pontes desde hai case dúas décadas, é técnico de operacións e mantemento e conta con experiencia no sector enerxético e industrial, ámbitos relacionados coa súa formación profesional. Ademais, mantén unha participación activa no ámbito deportivo da localidade.

Balseiro ocupaba o seguinte posto na candidatura do BNG ás eleccións municipais de 2023. A súa chegada, xunto á de García, estaba chamada a completar a renovación do grupo municipal nacionalista, que encabeza Carmela Franco e no que continúa Diego Balsa.

No pleno celebrado este luns tamén se abordaron outros asuntos de carácter municipal, entre eles as alegacións presentadas polo BNG á aprobación inicial do orzamento xeral relacionadas coa adquisición dunha parcela para urbanizar a zona na que está prevista a futura residencia de maiores, no Parzán de Bazán. Así mesmo, foron desestimadas as alegacións á modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) formuladas por un traballador e polos nacionalistas.

0.11373519897461