Alfonso Blanco Torrado e os Irmáns da Lexía

TerraChaXa
Por Raul Río O crego de Xermolos naceu en Montevideo en marzo de 1950 e criouse no Ponteceso de Pondal.
17 Ago 2018

Por Raul Río

O crego de Xermolos naceu en Montevideo en marzo de 1950 e criouse no Ponteceso de Pondal. Chegou a Guitiriz aló polo outono de 1976 para construír a sociedade cultural mais importante de toda a Chaira e unha das mais activas de Galiza, como é a Asociación Cultural Xermolos, pero non vou falar aquí do Festival de Pardiñas e das actividades que desenrola esta Asociación, senón da sensibilidade e do humanismo franciscano que lle fai pararse nas cousas pequenas que dicía Díaz Castro e intentar reparar no posible as inxustizas que se cometeron e cometen, co fin de dignificar a memoria dos agraviados. Alfonso é dos que loita pola paz e a reconciliación, pero pensa que nunca haberá paz total se non hai xustiza, e a memoria para el é xustiza.

Meteuse de cheo nese tema ao saber, por medio dalgúns veciños, da detención en 1936 na parroquia da Santa Mariña de Guitiriz dos Irmáns da Lexía, France, Bebel e Jaurés, xunto cos tamén fuxidos, Enrique Miguel Moscoso e Juan Loureda Domingo, da existencia dunha fosa común a carón da igrexa e outra que gardaba 21 corpos no cemiterio de Vilarraso do concello de Aranga, que debido a súa teima por entregarlle os corpos ás familias e devolverlles a dignidade, xa se rematou de escavar.

Os Irmáns da Lexía eran naturais de Ribadeo, de onde foron desterrados polas ideas socialistas de seu pai a unha distancia de 150 quilómetros, polo que vivían na Coruña, onde repartían con un carro polas casas e comercios a lixivia que producía seu pai nunha pequena fábrica que tiña. Salvo o mais vello, José, (coñecido popularmente por Pepín) ningún dos outros irmáns foron bautizados e todos levaban nomes de personaxes influentes da esquerda de finais do século XIX: France, Bebel, Jaurés, Voltaire, Berthelot...

France, Bebel e Jaurés García, xunto cos tamén fuxidos, Enrique Miguel Moscoso e Juan Loureda Domínguez, son detidos pola Garda Civil no amencer do 25 de xullo de 1936 mentres durmían nun pallar da aldea de Corbite, do daquela concello de Trasparga, cando trataban de pasar a Asturias para poder loitar no bando republicano. Bebel, France e Enrique Miguel Moscoso foron executados catro días mais tarde, o 29 de xullo, no Campo da Rata da Coruña, cerca da Torre de Hércules, despois dunha farsa de xuízo sumarísimo. Juan Louredo Domínguez foi inculpado por causa militar e foi finalmente posto en liberdade, mentres que a Jaurés, menor de idade, caeulle cadea perpetua, pero ao cumprir os 18 anos asasinárono nunha “saca” e o seu corpo apareceu na tapia do cemiterio coruñés de San Amaro. Despois de asasinalo parece que os fascistas pretenderon ser indulxentes con el e no ano 1943 concedéronlle unha conmutación por 20 anos de cadea.  Bebel era xogador do Deportivo da Coruña e din que a súa última petición foi mexar cara os seus verdugos, acto heroico que inspirou a Eduardo Galeano para facer este poema:

A Coruña, verano de 1936: Bebel García muere fusilado./Bebel es zurdo para jugar y para pensar./En el estadio, se pone la camiseta del Dépor./A la salida del estadio, se pone la camiseta de la Juventud Socialista./Once días después del cuartelazo de Franco,/cuando acaba de cumplir veintidós años,/enfrenta el pelotón de fusilamiento:/*Un momento -manda./Y los soldados, gallegos como él, futboleros como él, obedecen./Entonces Bebel se desabrocha la bragueta, lentamente,/botón tras botón, y de cara al pelotón echa una larga meada./Después, se abrocha la bragueta:/*Ahora sí.

Alfonso sempre tivo en mente facer algún monumento na memoria destes represaliados e por iso o pasado 8 de xullo se inaugurou unha escultura en aceiro corten de seis metros de altura, nuns penedos diante a igrexa de Santa Mariña, que se pode ollar desde a Autovía e da chamada Nacional VI, pero os seus amigos quixeron que esa obra de Valdi lembrara tamén a súa bonhomía e o seu traballo; á Asociación Cultural Xermolos fundada por el e o cariño que lle profesamos os veciños.

Así é o noso Bergantiñán amigo, que o da todo polos demais, pois pensa que os curas non soamente están para repartir Hostias sagradas, senón que tamén están para curar e de aí a súa teima de sandar os vivos, pero preocupándose tamén polas almas e o descanso dos mortos, mais incluso que pola súa delicada saúde. Alédame que o concello de Guitiriz o fixera fillo adoptivo o pasado 26 de xullo, pero a mellor homenaxe que se lle pode facer a este incansable activista cultural é axudarlle a levar a cabo as diferentes actividades que desenrola, como a recuperación da casa de Díaz Castro para convertela na Casa da Xente.

0.19078707695007