Alfonso Villares asume a Delegación Territorial da Xunta en Lugo reivindicando a súa vocación de servizo público

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O novo delegado agradeceu ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a confianza depositada na súa figura, así como o apoio recibido nos últimos meses
toma posesion villares xunta de galicia
2 Jun 2026

O exconselleiro do Mar, Alfonso Villares, tomou posesión este martes como novo delegado territorial da Xunta en Lugo nun acto celebrado no edificio Multiusos da capital lucense, no que asegurou levar “o servizo público no sangue” e comprometeuse a traballar desde a proximidade coa cidadanía.

Villares recupera así a primeira liña política tras o arquivo definitivo da causa xudicial que motivara a súa dimisión como conselleiro do Mar. Durante a súa intervención, reivindicou a súa traxectoria institucional e destacou a súa vontade de continuar ao servizo da provincia lucense. “Espero contribuír a mellorar esta provincia da que me sinto profundamente orgulloso”, afirmou.

O novo delegado agradeceu ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a confianza depositada na súa figura, así como o apoio recibido nos últimos meses por parte de persoas próximas e compañeiros de partido. Ademais, subliñou que afronta esta nova etapa “con humildade” e coa intención de manter unha relación directa cos veciños e veciñas da provincia.

O acto contou coa presenza do conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, encargado de presidir a toma de posesión, así como dos conselleiros de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e de Medio Rural, María José Gómez. Tamén asistiu o anterior delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.

Na súa intervención, Diego Calvo puxo en valor a experiencia política e institucional de Villares, lembrando o seu paso pola Alcaldía de Cervo, a presidencia da Fegamp e a Consellería do Mar. O titular de Presidencia destacou especialmente “a súa capacidade de traballo, coñecemento da provincia e vocación de servizo público”.

Xa ante os medios de comunicación, Villares recoñeceu que o nomeamento lle chegou “por sorpresa” e insistiu na súa intención de traballar en coordinación co resto do Goberno galego para “achegar solucións aos problemas reais da veciñanza”.

O novo delegado evitou entrar en consideracións políticas sobre o contexto do seu regreso á actividade institucional e reiterou a súa inocencia respecto das acusacións polas que fora investigado. “Son inocente de calquera causa que se puidese sinalar”, afirmou, ao tempo que asegurou que o seu principal obxectivo será “responder ás expectativas depositadas” nel pola Xunta de Galicia.

REACCIÓN DO BNG

O BNG de Lugo saiu ao paso do nomeamento de Alfonso Villares como novo delegado da Xunta e asegurouse que este nomeamento "amosa a división soterrada que sufre o PP". O Concelleiro do BNG, evitou falar da pasada denuncia contra este home, e centrouse na rehabilitación "política" que se pretende facer nomeando delegado da Xunta en Lugo asegurando que "a moción de censura que Candia promoveu no Concello de Lugo, coa transfuga María Reigosa, non gustou no PP e están movendo fichas cara ás vindeiras eleccións municipais".

"Xa van varios avisos soterrados a Candia dende a súa moción" e engadiu que "é un novo ataque interno a Candia despois do nomeamento de Raquel Arias como vicepresidenta do Parlamento". O Concelleiro nacionalista explicou que "dende Santiago queren evitar que no PP xurda un novo birreinato como o que tivo Cacharro no seu día".

0.1163489818573