Alicia López é a nova presidenta da Federación de Mulleres do Rural da Provincia de Lugo

TerraChaXa | LugoXa

A técnico agrícola de Palas de Rei, Alicia López, é a nova presidenta da Federación de Mulleres do Rural da Provincia de Lugo.

afammer
afammer
20 abr 2024

A técnico agrícola de Palas de Rei, Alicia López, é a nova presidenta da Federación de Mulleres do Rural da Provincia de Lugo. As integrantes desta entidade apoiaron por unanimidade a súa candidatura coa que perseguen “seguir poñendo en valor o noso rural e dando oportunidades ás persoas que viven nel ou teñen o seu medio de vida nel”.

Esta Federación xurde a finais de 2022 e na actualidade conta con cinco asociacións integradas: Lugo, Portomarín, Begonte, A Pastoriza e Vilalba. Nos vindeiros meses pretende seguir ampliando a súa rede por toda a provincia, de tal xeito que a integración do colectivo de Abadín está a punto de materializarse.

A nova presidenta colle o relevo da súa predecesora e asume “con convencemento e moita ilusión” a nova responsabilidade. Deste xeito, o seu obxectivo “é dar continuidade ao traballo iniciado; consolidar o que se fixo ben e seguir traballando polo rural dende os valores da igualdade e da xeracións de oportunidades”.

O plan de actuación para os vindeiros meses enmárcase no acordo Plan Corresponsables, asinado o pasado 21 de marzo coa secretaría de Igualdade da Xunta de Galicia, e que está orientado a favorecer a conciliación das familias con nenos ata os 16 anos, creando emprego de calidade no sector dos coidados e dignificar e certificar a experiencia profesional do coidado no formal.

Cursos e proxecto coeducativo

Afammer Lugo cumpre así tamén un dos obxectivos do Plan Nacional Corresponsables, destinado a axudar a transformar en actividade laboral reglada o coidado de menores, ben sexa no fogar, empresa ou cubrindo as necesidades sociais que se poidan dar na conciliación familiar. “É un paso máis para avanzar na profesionalización do sector. Tal é así que dende a Federación ofreceuse formación gratuíta para que as mulleres poidan acceder ao Certificado de Profesionalidade no Coidado de Menores ata os 16 anos”, detallou.

No marco deste acordo, desenvolveranse unha serie de cursos formativos relacionados con esta materia por toda a provincia. Ademais, presentaranse nos colexios de primaria o Proxecto Coeducativo. A finalidade, explica, é “educar tendo en conta as aportacións que tanto homes como mulleres fixeron. É dar oportunidades para que os nosos nenos e nenas experimenten todo tipo de xogos e que poidan elixir eles mesmos, axudándolles a respectar e ofrecer alternativas ao contos tradicionais nos que existen estereotipos de atributos femininos e masculinos e as accións”. En definitiva, ofrécense recursos didácticos de apoio para traballar no uso non sexista, redefinir roles, personaxes e historias desde unha perspectiva crítica.