Amancio Prada ofrecerá o xoves un concerto na igrexa de Santa María de Meira

O músico berciano Amancio Prada ofrecerá en Meira o concerto Místicos y románticos, un recital único que o recoñecido cantautor ofrecerá o vindeiro xoves, 6 de agosto, na igrexa Monasterial de Santa da localidade meirega. Pablo Rivera destacou que a Deputación de Lugo, xunto co Concello de Meira e a Cofradía Nosa Señora do Pedregal, fan posible esta iniciativa cultural que “aúna música e identidade, poñendo en valor o patrimonio e contribuíndo á dinamización social e económica do rural”.
Místicos y románticos propón unha viaxe musical íntima na que Amancio Prada, acompañado unicamente pola súa voz e guitarra, interpreta textos da obra de catro figuras universais da literatura: os místicos Santa Teresa de Jesús e San Juan de la Cruz, e os grandes referentes do romanticismo, Rosalía de Castro e Gustavo Adolfo Bécquer.
O concerto terá lugar nun único pase ás 21:00 h. O concerto preséntase como unha das citas culturais máis destacadas do verán na provincia, unindo patrimonio, espiritualidade e excelencia musical. As entradas están dispoñibles en Ataquilla e na oficina de turismo de Meira. Pódense adquirir a través desta ligazón.
Amancio Prada (Dehesas, León, 1949) é un dos grandes referentes da canción de autor en España, cunha carreira que supera as cinco décadas. Ao longo da súa traxectoria recibiu recoñecementos como a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes (2010), a Medalla Castelao (1995) e o Premio da Cultura Galega (2019).
A súa obra combina composicións propias e adaptacións de textos clásicos e contemporáneos, desde cantigas medievais ata poetas como Lorca, Cunqueiro, Juan Ramón Jiménez e Rosalía de Castro. Prada actuou nos principais teatros e festivais nacionais e internacionais, consolidando un legado que combina poesía, música e memoria colectiva.