Ameijide acusa un "abandono" do proxecto da residencia de Guitiriz

Os deputados do Grupo Provincial Popular amosaron a súa "fonda preocupación" polo estado de parálise no que se atopan as obras da futura residencia da Deputación en Guitiriz.
Así o afirmou o voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, durante unha visita ás obras, acompañado polo voceiro do PP en Guitiriz, José Manuel López Rodríguez.
Antonio Ameijide denunciou que tanto PSOE como BNG “están a romper” o compromiso adquirido hai anos cos veciños de Guitiriz que “á vista da situación das obras e á parálise no goberno provincial, están máis lonxe que nunca de converterse nunha realidade”.
O voceiro provincial popular lembrou que a residencia xa debería de estar en funcionamento, “pero a socialistas e nacionalistas non lles preocupa cumprir coa palabra dada e asinada”.
A realidade é que o proxecto tardou anos en poñerse en marcha debido á lentitude administrativa, ademais de que unha vez adxudicada non se realizou un control efectivo das obras.
“Na actualidade non hai actividade ningunha nas instalacións e o goberno provincial non ofrece prazos para retomar as obras nin para o equipamento do centro”, criticou.
Ademais, Antonio Ameijide puxo o foco na figura da alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, que tamén é deputada do goberno provincial. "Resulta incomprensible que unha persoa que forma parte do propio goberno da Deputación teña tan pouco peso político como para non ser capaz de defender os intereses do seu municipio", lamentou.
Para o voceiro popular a situación da residencia é a proba evidente de que a alcaldesa "prioriza as siglas do seu partido e a comodidade do seu cargo na Deputación antes que o benestar dos veciños de Guitiriz".
Ademais, Ameijide recordou como “á propia Deputación quere que non se saiba que non están a cumprir cos veciños de Guitiriz xa que retiraron o cartel das obras de diante do edificio para evitar que a poucos meses das eleccións sexa notorio o nulo peso político da rexedora”.
Antonio Ameijide insta a Carmela a "cumprir a palabra dada". "Os veciños de Guitiriz non poden seguir agardando indefinidamente. Exiximos que se reinicien as obras de inmediato, que se garanta o financiamento para o equipamento e que se poña unha data definitiva para a apertura desta residencia", concluíu.