Amigus renova nas Pontes un curso de robótica para nenos

TerraChaXa
Desenvolverase durante a primeira semana de agosto, desde o luns 3 ata o venres 7, en horario de mañá de 9.00 a 14.00 horas
campamento-de-ciencia-amigus-as-pontes
19 Jul 2026

A Asociación Informática Amigus organiza unha nova edición do seu tradicional Campamento de Ciencia e Tecnoloxía, que este ano volverá celebrarse no local do pulpo.

Esta iniciativa, consolidada como unha das citas máis agardadas e especiais do período estival na localidade, desenvolverase durante a primeira semana de agosto, desde o luns 3 ata o venres 7, en horario de mañá de 9.00 a 14.00 horas. Será necesario realizar unha doazón de 35 euros.

O evento, que será impartido por Ciencia Kids, está dirixido a rapazas e rapaces con idades comprendidas entre os 5 e os 14 anos, os cales terán a oportunidade de mergullarse de cheo no ámbito científico e tecnolóxico a través dun amplo e variado programa interactivo. Entre as actividades principais destacan o descubrimento da ciencia aplicada na cociña, as clases interactivas de botánica, os numerosos experimentos prácticos e a exploración do cosmos grazas á instalación dun planetario inchable.

Así mesmo, o campamento potenciará as habilidades dixitais e técnicas da mocidade coa iniciación á programación e á montaxe de diferentes placas electrónicas, incluíndo tecnoloxías como Micro:bit, Mbot, Echinda e Arduino, xunto con obradoiros de impresión 3D.

Estas propostas de carácter tecnolóxico complementaranse con manualidades e outras dinámicas creativas deseñadas para garantir unha semana chea de aprendizaxe e diversión. As persoas interesadas en formalizar a inscrición poden xa acceder ao formulario en liña, o cal está dispoñible na páxina web oficial da asociación, (www.amigus.org), ou ben escaneando o código QR que aparece no cartel informativo do evento.

0.12416315078735