Amplían as coberturas para autónomos
O Goberno de Pedro Sánchez rectificou o seu plan de medidas económicas para paliar os efectos da crise polo coronavirus para os autónomos. Estes, finalmente, poderán cobrar o paro e deixar de pagar a cota de autónomos sen ter a necesidade de darse de baixa de Facenda nin da Seguridade Social.
Poderán solicitar axudas, ademais, con tan só presentar na súa mutua unha declaración xurada de como se viu afectado o seu negocio pola crise do coronavirus, segundo informou o presidente da Asociación de Autónomos (ATA), Lorenzo Amor, tras recibir do Executivo a información sobre estes cambios.
Segundo tamén aclarou o presidente de ATA, os autónomos que o soliciten cobrarán o 70% da base de cotización —que ascende a uns 700 euros ao mes para unha base reguladora de 1.000 euros— e todos os traballadores por conta propia poderán acollerse a esta medida (tanto as persoas físicas como os societarios).
Non será necesario que se dean de baixa nin de Facenda nin da Seguridade Social e os que teñan tarifa plana ou bonificación poderán pedir a prestación sen renunciar a iso. O Estado, a través da entidade xestora do autónomo, cotizará polo traballador durante o período de percepción da axuda.
A prestación cobrarase a mes vencido e será prorrogable un mes, segundo Amor. Non está claro aínda "se os autónomos empregadores poderán cobrala ou non sen necesidade de facer ERTE". O presidente de ATA tamén felicitou aos autónomos pola medida que levan solicitando desde o principio da crise do Covid-19.