Amplían os orzamentos das axudas do Plan Leader

TerraChaXa
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dependente da Consellería do Medio Rural, pola que se amplía o orzamento das axudas para a execución de proxectos da medida Leader, dentro do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020.
8 Ago 2020

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dependente da Consellería do Medio Rural, pola que se amplía o orzamento das axudas para a execución de proxectos da medida Leader, dentro do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020. Así, o presuposto pasa dos 6,6 aos 7,9 millóns de euros para as anualidades de 2020 e 2021.

Con esta ampliación de crédito dáse resposta a un maior número de proxectos que cumpran cos requisitos establecidos pola orde, cuxo prazo de presentación de solicitudes rematou o pasado 31 de xaneiro. Cabe lembrar que o orzamento destas convocatorias está cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Estas achegas teñen como finalidade desenvolver iniciativas que dinamicen o rural galego, tanto de natureza produtiva, porque supoñan a realización dunha actividade económica, como de carácter non produtivo, porque representen un interese público, social ou colectivo. Pode beneficiarse destas axudas calquera persoa ou entidade que solicite a subvención a través dalgún dos 24 Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) que hai no territorio galego.

Cómpre sinalar que a asignación total da medida Leader para o período 2014-2020 é de 84 millóns de euros. Os seus principais obxectivos son mellorar as condicións para crear e manter emprego no medio rural e dotar de servizos á poboación destas zonas, favorecendo a súa calidade de vida. Trátase tamén de favorecer a ocupación sustentable do territorio, prestando atención especial ás mulleres, aos mozos, ás persoas con discapacidade ou aos maiores.

Outros fins que se perseguen son os de garantir a sustentabilidade da actividade no rural, mediante o coidado e a utilización adecuada dos recursos naturais, potenciar a gobernanza local e a animación social do territorio e contribuír á concienciación e adaptación ante o cambio climático, fomentando o uso de enerxías renovables e a mellora da eficiencia enerxética.

0.11995983123779