Analizan en Xove o desenvolvemento do sector forestal

TerraChaXa | AMariñaXa
Analizan en Xove o desenvolvemento do sector forestal. Visitaron a empresa Forestal Díaz Casariego, que recibiu unha achega da Xunta
22 Dec 2020

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou en Xove a empresa Forestal Díaz Casariego -a quen agradeceu a súa invitación para coñecer o seu labor de primeira man-, que foi unha das beneficiaras da orde de axudas convocada pola Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación para favorecer a renovación tecnolóxica na primeira transformación.

Tal e como explicou o director de Xera, esta liña ten como obxectivo promover investimentos en tecnoloxías forestais, procesado, mobilización e comercialización de produtos forestais no sector da transformación e comercialización. Trátase dun dos sectores estratéxicos para o desenvolvemento económico do medio rural e para a consolidación e diversificación do seu tecido empresarial. Actúa, ademais, como un elemento que contribúe a fixar poboación nestes concellos.

As empresas da industria forestal de Lugo recibiron, este ano, ao redor de 5,5M€ en apoios da Xunta que permitirán desenvolver 91 proxectos e 40 accións formativas e mobilizar un total de 17,1M€. En concreto, son 59 axudas para favorecer a renovación tecnolóxica da primeira transformación, 24 para fomentar o uso da madeira na construción, na rehabilitación e na produción e deseño de envases e oito para a segunda transformación.

O compromiso da Xunta coa industria forestal reforzarase o vindeiro ano cun aumento do orzamento de Xera, que alcanzará os 22,5M€, e que permitirá continuar cos programas para o fomento da construción en madeira pero tamén impulsar novas liñas de axudas para favorecer os procesos de dixitalización e trazabilidade da madeira certificada.

0.15980887413025