Andrea Barreiro recibiu o VII premio Agustín Fernández Paz coa súa obra ‘Quen precisa unha avoa?'

TerraChaXa
No acto, actuaron a Banda de Música de Vilalba, as Regueifeiras da Chá do Instituto Basanta Silva, Pablo del Valle, e Corredores de Sombra
premio-Agustín-Fernández-Paz-Vilalba
27 Out 2024

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destacou a importancia “de manter vivo o legado de Agustín Fernández Paz, potenciar a literatura dirixida á infancia e á mocidade, e impulsar o noso compromiso pola igualdade de xénero, raza ou nacionalidade”. Estes tres son os obxectivos do premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade.

Á entrega do premio no auditorio municipal á gañadora, Andrea Barreiro, asistiron tamén Marisa Barreiro, presidenta do Instituto de Estudos Chairegos; Fran Alonso, director de Edicións Xerais, e Manuel Bragado, membro do xurado do Premio. A presentadora do acto foi a xornalista Carme Hermida.

Andrea Barreiro é a gañadora do VII premio Agustín Fernández Paz coa súa obra ‘Quen precisa unha avoa?’, unha divertida novela na que, a través do humor, fala da conciliación, do afecto, a solidariedade, da relación entre diferentes xeracións, de igualdade e das necesidades das persoas maiores.

“O suxerente título é ademais unha chamada a lembrar a todas as avoas, mulleres que sempre foron e seguen sendo fundamentais nos fogares. Moitas grazas a todas elas, xa que merecen sen dúbida un recoñecemento moi especial polo seu traballo anónimo e invisible, por estar sempre dispostas a dar e a axudar”, asegurou Marta Rouco.

“Quero aproveitar de novo o acto para congratularnos da traxectoria dun vilalbés ilustre, Agustín Fernández Paz. Unha vida vinculada á ensinanza e á creación literaria, e unha obra coa que conseguiu que a literatura infantil e xuvenil obtivese o status que merecía”, engadiu a alcaldesa.

No acto, actuaron a Banda de Música de Vilalba, as Regueifeiras da Chá do Instituto Basanta Silva, Pablo del Valle, e Corredores de Sombra.

4.3981761932373