Aneiros visita o campo de voluntariado de Vilabó, onde se realizan labores de coidado do medio ambiente

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, desprazouse esta mañá ao campo de voluntariado de Vilarbó no que participan desde o pasado 15 de xullo un total de 15 mozos e mozas procedentes de distintos puntos de Galicia e o resto de España.
Os participantes, con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, ocúpanse de labores vinculadas á conservación medioambiental tales como plantacións e reforestacións, limpeza das beiras do río Eume, construción de hoteis para abellas, colocación de caixas niño e comedeiros ou un inventario de especies, entre outras.
Aneiros lembrou que o obxectivo deste campo de voluntariado é a custodia do territorio mediante a conservación e a recuperación das fragas e o bosque de ribeira no entorno do río Eume e a divulgación das Fragas Atlánticas de Vilarbó, situadas dentro do Parque Natural das Fragas do Eume. Salientou ademais a importancia de que a mocidade galega dispoña tamén en verán de alternativas de ocio como as que ofrecen os campos de voluntariado, sinalando como destacable que “estes mozos decidan adicar o seu tempo libre a coidar algo que nos pertence a todos”.
O de Vilarbó é un dos 40 campos de voluntariado que a Consellería Cultura, Lingua e Xuventude levará a cabo este verán en todo o territorio galego no marco da Acción de Verán da Xunta. Baixo o lema Modo verán activo, este programa conta para os meses de xullo, agosto e setembro con 11.932 prazas, a maior oferta da súa historia, entre campamentos, campos de voluntariado, minicampamentos Coñece Galicia, intercambios con outras Comunidades Autónomas e outras actividades. Toda a información pode consultarse na páxina web Xuventude.