Anuncian o investimento de 1,1 millóns de euros na ampliación do parque das Fragas do Eume
A Xunta de Galicia destinará 1,1 M€ de fondos Next Generation para ampliar a superficie pública do Parque Natural Fragas do Eume, segundo avanzou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante unha visita que realizou a este espazo natural, coincidindo coa celebración do Día internacional dos bosques.
Máis polo miúdo, a conselleira explicou que a Xunta xa ten localizadas preto de 800 parcelas, cuxa compra se negociará cos respectivos propietarios para, unha vez mercados, realizar actuacións de conservación e restauración “de zonas de máximo interese desde o punto de vista ecolóxico” eliminando e retirando especies invasoras e mellorando a continuidade das masas de frondosas autóctonas.
A Xunta considera de vital importancia a realización de actuacións que persigan tanto incrementar a superficie pública de bosques e a súa recuperación como asegurar a conservación da natureza a través do mantemento dos procesos ecolóxicos, a preservación da biodiversidade dos ecosistemas e a aplicación de medidas que garantan a singularidade da paisaxe e a restauración de recursos naturais degradados.
Estas medidas supoñen, segundo dixo Ángeles Vázquez, a conformación do compromiso do Goberno galego de “facer compatible” a protección e preservación dos valores, hábitats e principais especies de flora e fauna que alberga este territorio cunha actividade económica sostible.
Publicación do PRUX no Diario Oficial de Galicia
Logo de subliñar que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe o Plan de uso e xestión deste parque natural, Ángeles Vázquez subliñou que o 80 % dos terreos do parque son de titularidade privada, polo que durante o proceso de elaboración e de consultas do PRUX tamén se tivo moi en conta a opinión e o papel dos propietarios particulares.
De feito, a conselleira puxo en valor que o proceso de elaboración dese documento foi “moi participado” xa que se realizaron reunións cos alcaldes dos 5 concellos do parque - Cabanas, Pontedeume, A Capela, Monfero e As Pontes de García Rodríguez e con representantes de asociacións de propietarios, ecoloxistas, comunidades de montes, entidades veciñais e colectivos ambientais, produtores agrogandeiros, titulares de empresas de lecer e turismo activo, clubs de escalada e montañismo, entre outros.
O PRUX de Fragas do Eume actualiza a zonificación recollida no anterior Plan de ordenación dos recursos naturais para, por un lado, harmonizala coa do resto de parques e por outro, axustar os límites de cada área para compatibilizar a conservación do patrimonio natural e da paisaxe cos usos que se desenvolven nel.
En base á nova zonificación e aos usos e aproveitamentos previstos, o plan desenvólvese ao redor de catro programas: conservación da biodiversidade, a paisaxe e o patrimonio cultural; fomento e promoción da investigación, seguimento e avaliación do territorio; xestión do uso público para que os visitantes coñezan e gocen dos seus valores; e mellora e mantemento das infraestruturas, instalacións e equipamentos existentes.
O Parque Natural Fragas do Eume atópase nunha zona de marcada influencia oceánica entre o medio litoral do esteiro do Eume e as montañas nas que nace o devandito río. Estas características explican por que é, a día de hoxe, unha das mostras máis importantes dos bosques sublitorais galegos e un dos poucos bosques atlánticos ben conservados de Europa.