Anxo Vidal Rivas presenta en As Pontes e Abadín a súa nova novela con só 14 anos

TerraChaXa
A primeira cita terá lugar o venres 17 de abril ás 19:00 horas no centro pontés e ao día seguinte visitará o concello lugués
la-voz-que-no-dieron-callado-anxo-vidal-rivas
16 Apr 2026

A Biblioteca Municipal Rivera Rouco das Pontes e o Concello de Abadín acollerán esta semana dúas presentacións literarias protagonizadas polo mozo autor Anxo Vidal Rivas, natural das Pontes, que con tan só 14 anos continúa a consolidar a súa traxectoria no mundo da escritura.

A primeira cita terá lugar o venres 17 de abril ás 19:00 horas na Biblioteca Municipal pontesa, onde se dará a coñecer a súa obra La voz que no dieron callado: donde empieza el origen, segunda parte dunha historia que afonda en cuestións como o legado, as decisións vitais e a diferenza entre construír para fuxir ou facelo para vivir, deixando atrás a reconstrución material para explorar unha dimensión máis complexa e consciente.

Un día despois, o sábado 18 de abril ás 17:30 horas, o salón de actos do Concello de Abadín será escenario dunha nova presentación na que o autor achegará ao público tanto esta segunda parte como a primeira entrega da súa obra, La voz que no dieron callado. O encontro permitirá ás persoas asistentes coñecer de preto o proceso creativo do escritor e compartir unha experiencia arredor da literatura.

Anxo Vidal Rivas aposta pola autopublicación para dar a coñecer o seu traballo e ten claro o seu compromiso coa escritura de cara ao futuro, converténdose nun exemplo de talento novo no ámbito cultural.

Desde a organización animan á veciñanza a participar nestas actividades, que buscan fomentar a lectura e achegar a creación literaria á cidadanía a través dun evento cultural aberto a todos os públicos.

0.12980103492737