Aprazada a obra de teatro prevista para este sábado na localidade pastoricense de Reigosa
A Asociación de Veciños de Reigosa suspendeu a noite de teatro co colectivo cultural Ollomao prevista para este sábado, na que se ía representar a obra Pan con Chocolate, unha actuación que de balde, xa que se engloba dentro do ciclo de teatro afeccionado da Vicepresidencia da Deputación.
Tres “nenos” e tres “nenas” que se acaban de retirar, reúnense para celebrar a xubilación da máis nova dos seis, non podendo evitar recordar as cousas da vida de cando eran pequenos. Así, pouco a pouco, van saíndo temas que a todos nos resultan familiares. Lembranzas ás veces felices e ás veces moi tristes, pero que desde a perspectiva do tempo vanse suavizando. “Por moi mal que o teñas pasado cando eras nova, cando volves a vista atrás, recordas aqueles anos con tenrura, con agarimo, con nostalxia, eu que sei…” O caso é que cando nos xuntamos tres ou catro persoas da mesma xeración é inevitable que nos poñamos a rememorar cousas do pasado. E aos que andan por riba dos 60, sempre, sempre, sempre, se lles van vir á cabeza aquelas merendas de pan con chocolate.