Aprobada a sexta prórroga do estado de alarma ata o 21 de xuño
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, logrou sacar adiante a última prórroga do estado de alarma o día de onte no Congreso dos Deputados.
O Congreo aprobou a sexta prórroga do estado de alarma en España desde que o Goberno decretouno por primeira vez o pasado 14 de marzo e que durará ata o 21 de xuño.
O Goberno de Pedro Sánchez conseguiu os votos necesarios para sacar adiante a proposta con 177 a favor, 155 en contra e 18 abstencións. O Executivo tivo o apoio de Cidadáns e do PNV e a abstención de Esquerra.
Sánchez asegurou que o estado de alarma foi "a ferramenta fundamental para deter a pandemia", xa que, sen vacinas nin remedios dispoñibles, os gobernos de todo o mundo tiveron que recorrer aos confinamentos. O estado de alarma tamén está a ser esencial na desescalada, segundo expuxo Sánchez: "Esa é a razón desta última solicitude de prórroga que, se non se produce un retroceso, alcanzará ata o momento no que a gran maioría dos españois estarán preto da nova normalidade".
Durante a nova prórroga, nos territorios que se atopen nas fases 1 e 2 o Ministerio de Sanidade continuará adoptando as medidas previstas no marco do estado de alarma e o plan de transición á nova normalidade, en cogobernanza coas comunidades. Nos territorios que se atopen ou pasen á fase 3, será o presidente ou presidenta de cada comunidade quen decida se mantén ou modifica as medidas relativas a esta fase e tamén o paso á nova normalidade.