Aprobadas as axudas da Deputación para deportistas individuais
O deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, avanzou que a Xunta de Goberno aprobou as axudas de 75.000 euros da Deputación para deportistas individuais da provincia de Lugo. Nos vindeiros días publicarase no BOP e a continuación abrirase un prazo para presentar as solicitudes. Na web da Deputación haberá un banner con toda a información e a documentación a presentar.
O Deputado de Deportes explicou que “esta programación está dotada de 75.000 euros e en total ofertaranse 150 bolsas, das cales 11 estarán reservadas para deportistas con capacidades diferentes. Estas axudas premian o esforzo competitivo, e ademais valoraranse os resultados acadados nas competicións provinciais, galegas, estatais e internacionais”.
Rivera Capón engadiu que “somos conscientes das dificultades que supón hoxe en día a práctica deportiva profesional, polos elevados custes de desprazamentos, inscricións en competicións ou material técnico, dificultades que se ven incrementadas no caso dos deportes individuais. Estas axudas contribúen a mellorar a calidade de vida dos nosos deportistas e ao mesmo tempo contribúen a recoñecer o seu traballo e o seu esforzo diario”.
Poden acceder ás bolsas todos os deportistas da provincia de Lugo que posuíran ficha federativa durante o ano 2018 e que dende o día 1 de xaneiro ata o 31 de decembro do 2017 participaran en competicións deportivas oficiais, tanto de carácter provincial, galego, estatal como internacional, e manteñan na data de presentación de solicitudes a súa actividade competitiva oficial e federada.
As bolsas terán un importe máximo de 1.500 euros e un importe mínimo de 300. Así mesmo, establécese unha idade máxima de 35 anos, a data de 31 de decembro de 2017, para os aspirantes, un criterio que non será de aplicación no caso dos deportistas con capacidades diferentes.