Aprobado en Pleno o convenio para poñer en marcha as obras da residencia de maiores de Abadín

TerraChaXa
Tamén se aprobou o orzamento para este ano, o máis alto da historia, que ascende a 4,5 millóns de euros
concelleiras-psoe
A concelleira saínte e entrante do PSOE
31 Xul 2024

Ao último pleno de Abadín levouse o convenio de colaboración entre o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e o Concello de Abadín para o financiamento das obras para facer a nova residencia de maiores no antigo colexio.

O outro punto destacado da orde do día, era a aprobación do orzamento, de 4,5 millóns de euros, que o alcalde, José María Gómez Rancaño, cualificou de "o máis alto da historia", xa que unha partida importante irá para a construción da residencia de maiores. Así, no apartado de gastos están previstos 1,8 millóns de euros en gastos correntes en bens e servizos, que se levan o 40% do orzamento, seguidos de 486.000 euros en gastos de persoal, que son o 10%.

O capítulo de investimentos reais leva por tanto o 46% do capital, que son uns 2,09 millóns de euros.

Ademais presentouse a modificación do convenio entre os concellos de Abadín, Friol, Rábade, Cospeito, Castro de Rei, Mondoñedo e Outeiro de Rei para a solicitude dunha subvención á Xunta para a planificación enerxética.

Tamén se ratificou o convenio entre varios concellos para a realización dun programa integrado de emprego con base en Outeiro de Rei.

Os puntos foron todos aprobados con apoio do PSOE menos naqueles nos que non dispuxo de información, como explicou o seu representante. "Non temos acceso ao proxecto nin ningún dato concreto sobre a creación da referida residencia. Sempre temos que acudir ao Valedor do Pobo, o cal, o reitera 2 ou 3 veces e aínda así o alcalde segue sen contestar", explicou. Tamén protestaron porque preguntaron por un camiño e non obtiveron resposta do equipo de Goberno.

Así mesmo tomou posesión a nova concelleira do PSOE Estefanía Grandío Vizoso, que substitúe na Corporación a Sandra Otero Quende.

0.1874828338623