Aprobado o investimento para facer en Friol unha biblioteca e o Museo do Queixo e do Pan

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa
O Consello dá luz verde á sinatura do convenio entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e o Goberno local para executar as obras no actual xulgado de paz
feira-do-queixo-friol
21 Jul 2026

A Xunta de Galicia destinará 300.000€ a levar a cabo un proxecto de execución dun edificio dotacional na localidade lucense de Friol para albergar a biblioteca municipal e o museo do queixo e do pan. Así, o Consello autorizou un convenio entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e o Goberno local, por un valor total de 343.000€, para que o municipio conte cun espazo que funcione como dinamizador cultural e centro de cohesión social.

A actuación recolle a demolición do actual inmoble que acolle o xulgado de paz e que presenta deficiencias construtivas importantes, polo que se pretende o seu derrubamento para realizar unha construción adecuada ás novas funcións enfocadas en combinar a actividade bibliotecaria coa preservación da identidade local.

Deste xeito, para este 2026 están asignados 29.000€ dirixidos á redacción do proxecto básico de execución, a realizar estudos de seguridade, a levar a cabo diversos traballos previos, a proceder á demolición e ao acondicionamento do terreo. Mentres, para o 2027 a partida é de 271.000€ e destinaranse a continuar coa cimentación, levantar as estruturas e construír cubertas e fachadas, así como a desenvolver as distintas instalacións e a urbanizar o patio exterior.

Con esta nova actuación, o Goberno galego responde ao seu compromiso de achegar a cultura a todo o territorio nas mellores condicións, facilitando o acceso da sociedade ao coñecemento poñendo ao seu dispor equipamentos nos que se poida ofrecer un servizo de calidade.

Concretamente, esta infraestrutura permitirá ao concello lucense contar cun centro esencial como é unha biblioteca de referencia para toda a área, que contribúa ao acceso á información e á cultura eliminando todo tipo de barreiras, en liña coa Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia. A isto súmaselle o espazo dedicado ao museo do queixo de Friol e do pan de Ousá, que porá en valor estes dous grandes baluartes gastronómicos da zona e servirá tamén como un escaparate vivo que proxectará a comarca cara ao exterior.

0.13242316246033