Aprobado o proxecto de mellora da LU-540, entre Viveiro e Cabreiros
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do proxecto de trazado para a mellora da capacidade e da seguridade da estrada LU-540, entre Viveiro e Cabreiros.
Trátase do acondicionamento da estrada LU-540, ao longo de 35 quilómetros, que se levará a cabo en dúas fases e suporá un orzamento de 15 millóns de euros. As obras da primeira fase prevense licitar nas vindeiras semanas.
A publicación no DOG recolle o acordo aprobado na reunión do Consello da Xunta do pasado 25 de xaneiro, no que tamén foi aprobado o trámite de información pública e o informe das administracións afectadas pola execución desta intervención.
Actualmente, o treito interurbano da estrada, a partir do punto quilométrico 5, unha vez pasado Landrove, presenta unha alta porcentaxe de prohibición de adiantamento, dun 73 % en sentido Lugo e dun 83 % en sentido Viveiro, e ten curvas de radio reducido.
A través do proxecto cuxa aprobación publica hoxe o DOG reduciranse os tempos de percorrido mediante a implantación de carrís adicionais de adiantamento en rampla naqueles treitos nos que a pendente supere o 3 %, e ampliando a capacidade. Ademais, rectificaranse as curvas máis complicadas, ampliando os radios, de modo que todo o trazado permita circular a 90 km/h.
Os obxectivos da actuación son reforzar a competitividade territorial das comarcas da Mariña e da Terra Chá, mellorar a seguridade viaria dos condutores e ofrecerlles aos veciños desprazamentos máis eficientes.
Características técnicas
A primeira fase deste proxecto, cun orzamento de 7,88 millóns de euros, desenvolverase no treito comprendido entre os puntos quilométricos 5+000 e 20+090, ao paso polos municipios de Viveiro e Ourol.
Esta intervención consistirá no aumento da capacidade da vía en sentido Viveiro-Lugo mediante a implantación dun carril adicional para vehículos rápidos e incluirá un cambio de sentido na marxe esquerda do punto quilométrico 6+000. Neste treito inicial, tamén se realizará unha mellora do trazado entre os quilómetros 5 e 8, pasando dun radio mínimo de 70 metros a un de 120 metros.
Tamén se procederá, arredor do punto 10+300, á mellora da intersección, en ambas as marxes, pasando de estar enfrontadas a aumentar a distancia entre elas, para habilitar carrís centrais para as dúas.
Na contorna do punto quilométrico 14+000, disporase un carril adicional de adiantamento e mellorarase a intersección que dá acceso ao núcleo de Ourol.
No que se refire á segunda fase do proxecto, os traballos acometeranse entre os puntos quilométricos 20+090 e o 39+520, nos concellos de Muras e Xermade.
Neste treito, as actuacións centraranse no aumento da capacidade da vía nalgunhas zonas en rampla, mediante a incorporación dun carril adicional para vehículos rápidos, reducindo a distancia entre os treitos de adiantamento contiguos.
Tamén se reforzará o firme ao longo dos 35 quilómetros de actuación e melloraranse as principais interseccións existentes, dotándoas de maior visibilidade, e carrís centrais de espera para todos os xiros á esquerda.