Fernando Ónega será Fillo Adoptivo de Lugo tras a aprobación do Pleno

Pol
LugoXa | TerraChaXa
A Corporación deu luz verde ao recoñecemento co apoio de PP e PSOE, mentres que tamén aprobou por unanimidade iniciativas sobre a Ponte Branca, os pasos a nivel e o regulamento do Comité de Seguridade e Saúde
pleno-Lugo-xullo
30 Jul 2026

O Pleno ordinario do Concello de Lugo aprobou este xoves a concesión do título de Fillo Adoptivo de Lugo ao xornalista Fernando Ónega, unha proposta que saíu adiante cos votos favorables dos grupos municipais do PP e do PSOE e co voto en contra do BNG. A iniciativa partiu dunha proposta cidadá impulsada por Xulio Méndez e avalada por máis de 1.000 sinaturas, ademais do respaldo do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, da Asociación da Prensa de Lugo e doutras entidades e colectivos. O acto institucional de entrega da distinción celebrarase o vindeiro 7 de agosto, ás 18.00 horas, no Círculo das Artes.

A sesión plenaria permitiu tamén aprobar por unanimidade varias iniciativas relacionadas coa seguridade e a mobilidade. Entre elas figura a solicitude ao Ministerio de Transportes para acometer unha limpeza integral da Ponte Branca, reparar os desperfectos existentes, establecer un plan de mantemento periódico e informar ao Concello do calendario previsto para executar estas actuacións. Tamén contou co apoio de toda a Corporación a reclamación ao Goberno de España para eliminar os pasos a nivel existentes no municipio.

Outro dos acordos aprobados por unanimidade foi o Regulamento de Funcionamento Interno do Comité de Seguridade e Saúde, unha norma que pretende ordenar o funcionamento deste órgano municipal, reforzar a seguridade xurídica e actualizar o marco de actuación do Concello nesta materia.

No apartado normativo, o Pleno deu luz verde á ordenanza reguladora da Zona de Baixas Emisións (ZBE), que incorpora un período transitorio dun ano para facilitar a adaptación da cidadanía e dos visitantes antes da súa aplicación plena. Tamén se aprobou o regulamento de funcionamento do Auditorio Fuxan os Ventos, destinado a regular a organización e utilización desta infraestrutura municipal. Esta última proposta contou cos votos favorables do Goberno local, a abstención do BNG e o voto en contra do PSOE.

A sesión estivo marcada ademais polo debate arredor da situación económica municipal. O Pleno aprobou o pagamento de 542 facturas pendentes por un importe de 2.721.846,30 euros correspondentes a servizos e traballos xa realizados para o Concello, algunhas delas do ano 2023. O expediente saíu adiante cos votos favorables do Goberno local, mentres que PSOE e BNG votaron en contra.

Durante o debate, o portavoz do BNG, Rubén Arroxo, criticou a xestión económica do Executivo local e advertiu da existencia de provedores, empresas e autónomos que seguen sen cobrar polos servizos prestados. Os nacionalistas tamén defenderon a ordenanza da ZBE, elaborada durante o anterior mandato, e reclamaron actuacións en materia educativa e de infraestruturas.

Entre as iniciativas presentadas polo BNG figurou unha proposta para instar á Xunta de Galicia a manter os recursos docentes da Escola Oficial de Idiomas de Lugo e reforzar a promoción deste centro. Os nacionalistas mostraron a súa preocupación pola redución de profesorado prevista para o próximo curso, especialmente na especialidade de chinés. Pola súa banda, o PP asegurou que propuxo unha emenda para adaptar os recursos ás necesidades reais do centro unha vez finalizado o proceso de matrícula, aínda que foi rexeitada polo grupo nacionalista.

A segunda proposta do BNG, centrada na renovación do firme da Calzada das Gándaras, foi aprobada por unanimidade. A iniciativa reclama á Xunta unha actuación nunha das principais conexións entre os barrios de Paradai e As Gándaras, onde os nacionalistas denuncian un importante deterioro da vía.

O Partido Popular tamén levou ao Pleno varias iniciativas para reclamar ao Goberno central o cumprimento de compromisos pendentes, entre eles a eliminación dos pasos a nivel, melloras na Ponte Branca e unha maior achega estatal ao financiamento do sistema de dependencia.

0.11981415748596