Arcillá celebra as festas de San Roque con música, verbena e unha comida veciñal

A parroquia de Arcillá, no municipio de Cospeito, celebrará as festas na honra a San Roque cunha programación repartida en tres xornadas, os días 24, 25 e 31 de outubro. A música, as verbenas e a convivencia veciñal serán os principais protagonistas dunha celebración que contará tamén con propostas para o público infantil.
A primeira cita será o sábado 24 de outubro. A xornada comezará cunha misa ás 13.30 horas, seguida dunha procesión e dunha sesión vermú amenizada polo Dúo Eclipse. Pola noite, a festa continuará cunha verbena na que actuarán o propio Dúo Eclipse e a orquestra Panamá Band.
O domingo 25 volverán os actos relixiosos, cunha misa ás 13.30 horas e a posterior procesión. A sesión vermú estará novamente a cargo do Dúo Eclipse.
A programación pecharase o sábado 31 de outubro cunha comida veciñal que contará coa actuación musical de Santín, nunha xornada pensada para favorecer o encontro e a participación da veciñanza.
As festas disporán dun campo cuberto con carpa para facilitar o desenvolvemento das actividades, así como de inchables gratuítos para os nenos e nenas.
A celebración conta coa colaboración de SISOI, Bestar e Ponte Vilar, ademais do apoio de distintas empresas e entidades. A organización anima a veciñanza e as persoas visitantes a participar nestas festas tradicionais de Arxillá, que combinan os actos relixiosos coa música e o ambiente festivo.