Armando Castosa optará á reelección como alcalde de Cospeito polo PP

TerraChaXa
Armando Castosa optará a reelección como alcalde de Cospeito polo Partido Popular. O acto de presentación tivo lugar na Casa da Cultura
presentacion castosa candidato pp alcalde cospeito
presentacion castosa candidato pp alcalde cospeito
27 mar 2023

Armando Castosa opta a reelección como alcalde de Cospeito polo Partido Popular nas vindeiras eleccións municipais previstas para o mes de maio. O acto de presentación tivo lugar este sábado pola tarde na Casa da Cultura de Cospeito coa participación de varios membros da dirección provincial coma o secretario xeral, Javier Vázquez Nodal; o secretario de organización, Javier Vázquez Prado; o senador José Manuel Barreiro ou o deputado nacional Jaime De Olano; ademais de representantes populares de concellos próximos e afiliados e simpatizantes do partido.

Alcalde deste concello chairego, Castosa leva oito lexislaturas acadando o respaldo dos seus veciños nas urnas, sempre con maioría absoluta. É por iso polo que o actual rexedor agradeceu a súa confianza e tamén a da dirección provincial para repetir como candidato do PP “coa mesma, ou máis, ilusión”.

Castosa comprometeuse a seguir traballando en favor dos intereses dos veciños e seguir desenvolvendo proxectos no ámbito dos servizos sociais, medioambientais, educativo, culturais, deportivo, de infraestruturas e de servizos que agora mesmo están en marcha para seguir facendo de Cospeito un lugar con calidade de vida e benestar en base a estas ideas. Igualmente, definiu ao seu equipo como “capaz e comprometido co noso municipio e coa organización política”.

Ademais o candidato dos populares márcase como obxectivo “seguir traballando desde a humildade, escoitando a todos e así dar continuidade a un goberno de maiorías, ampliando o noso proxecto político para continuar gobernando o municipio con estabilidade e puxanza”, expuxo Castosa.

A directiva provincial, pola súa banda, agradeceu aos afiliados e simpatizantes o seu compromiso co Partido Popular e tamén aos veciños e veciñas de Cospeito que, “en cada cita coas urnas, trasladan un importante apoio á nosa formación que se mantén como a forza política máis votada”. Ademais os populares resaltan a enorme capacidade de traballo e xestión de Castosa que “transformou o Concello de Cospeito e segue a facelo”. Destacan tamén a súa experiencia en moitos ámbitos da política e a súa “cercanía e cariño cos veciños”.

Vázquez Nodal, que se amosou convencido de que “o equipo do Partido Popular que lidera Armando Castosa en Cospeito acadará un bo resultado”. Durante a súa intervención incidiu tamén en que “as eleccións municipais teñen que ser, de certo modo, unha moción de censura a Sánchez” e, polo tanto, “marcar o cambio de ciclo político de cara ás próximas eleccións xerais”.

TRAXECTORIA POLÍTICA

Armando Castosa Alvariño é natural do municipio de Cospeito onde naceu o 21 de novembro de 1963, e tamén é funcionario de carreira da Administración Local.

Á súa traxectoria política como alcalde hai que engadir outras responsabilidades xa que foi deputado provincial, senador pola provincia de Lugo en dúas lexislaturas e na actualidade tamén preside a Mancomunidade de municipios da Terra Chá.