Arranca a organización da Moexmu de 2025
A Deputación de Lugo reafirmou o seu compromiso coa Moexmu, a Mostra Exposición de Muimenta, durante a tradicional xuntanza de traballo celebrada este sábado en Cospeito, organizada pola Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais, Gandeiros e Autónomos de Muimenta.
O deputado de Medio Ambiente, Carlos López, participou no encontro, que serviu para perfilar os detalles da XLI edición deste certame, que terá lugar do 4 ao 6 de abril.
A reunión contou coa presenza dunha ampla representación do sector gandeiro da provincia, un dos principais motores económicos da comarca da Chaira. Carlos López destacou a aposta decidida da Deputación por esta feira multisectorial, subliñando que “é un dos mellores escenarios para impulsar o desenvolvemento económico e social da provincia de Lugo”.
Na xuntanza estiveron presentes tamén o presidente da Asociación de Empresarios de Muimenta e Coordinador da Moexmu, José Manuel Rus Rodríguez; o presidente de Africor Lugo, Manuel Sandamil Cabana; o presidente de Acruga, César Dorado Pin; e representantes das gandarías de Galicia e participantes no último Concurso de Gando da Moexmu, entre outras autoridades.