Arranca en Cospeito a Feira do Porco da Ceba coa Ruta Gastronómica

TerraChaXa
A feira será o sábado, a partir das 8.00 horas, e contará con máis de 40 exemplares e 20 postos
presentacion-feira-do-porco-da-ceba-cospeito
28 Nov 2024

O Concello de Cospeito vivirá o sábado 30 de novembro unha nova edición da Feira do Porco da Ceba, a XXXV edición, que manterá a tradicional programación e que contará con diferentes actividades complementarias na Feira do Monte.

Esta tradicional celebración desenvolverase na praza da feira nunha carpa instalada para tal fin e na que haberá premios aos mellores exemplares e un agasallo para cada gandeiro participante.

Entre os asistentes sortearase unha cesta de Nadal e haberá tamén degustación de produtos típicos do porco a partir das 10.00 horas.

Xa desde o xoves 28 ao sábado 30 nos locais de Cospeito celebraranse as tradicionais degustacións gastronómicas de elaboracións con produtos porcinos coa V Ruta Gastronómica do Porco da Ceba. O público participante entrará no sorteo de distintos premios aos que poderá optar percorrendo os distintos locais. As tapas degustaranse de 13.00 a 15.30 horas e de 20.00 a 23.00 horas. Repartiranse premios de 175, 100 e 75 euros para os tres primeiros, ademais dunha esta de produtos do porco e un premio especial. O sorteo de agasallos será o día 2, ás 20.00 horas diante da casa consistorial.

A feira abrirá as súas portas ás 8.00 horas e están invitados a participar no concurso todos os animais que entren antes das 10.30 horas. Unha vez feita a deliberación do xurado, farase entrega dos premios ás 14.00 horas, que consistirán en 150, 120 e 80 euros para os tres primeiros animais valorados. Tamén se repartirán outros catro de 50 euros cada un. Está prevista a participación de máis de 40 exemplares.

Paralelamente, haberá outro tipo de actividades. Así, abrirase ás 10.30 horas o apartado musical con Asubíos da Chaira e tamén contarán con actividades deportivas no pavillón municipal dos deportes desde as 9.30 horas.

Haberá feira gastronómica e sesións de showcooking de produtos típicos. Así, está prevista a degustación a cargo dos chefs Alejandro Méndez e Pablo Vila, que prepararán tres pratos con porco celta, un taco de panceta curada con verduriñas asadas e encurtidos; un estofado de agulla e paletilla con angula de monte e garavanzo, e un arroz con boletus e tataki de solombo. Todo isto completarase con filloas e xamón de Porco Celta, cortado por Fernando Saavedra, produtor local.

Ademais, abrirá un mercado de produtos locais, cun vinte postos entre os que haberá unha cata de viños; mentres que a Xunta presentará o matadoiro móbil. Completa a oferta unha exposición gandeira de Porco Celta.

Como se fai todos os anos, pola noite haberá un Festival de Corais, ás 20.30 horas, na casa da cultura, terá lugar o festival de corais coa participación da coral Virxe do Monte de Cospeito. Tamén estarán as corais Polifónica de Ribadeo e o Coro Espasante Ortigueira.

feira-do-porco-da-ceba-cospeito-cartel
0.16678500175476