Arranca esta noite PULSO, un fetival con jazz de vangarda e identidade galega sen concesións

TerraChaXa
Copos de Avena, Abe Rábade & Antía Muíño e a Orquestra Galega de Liberación conforman o cartel
presentacion-pulso-festival
8 May 2026

Esta noite de venres arranca o festival PULSO na que é a súa primeira edición e que nace con ansia de continuidade.

O cuarteto Copos de Avena abrirá o festival ás 20:30 cun repertorio que explora a herdanza da música latinoamericana desde a liberdade do jazz, combinando boleros, bossa nova e referencias  contemporáneas nun diálogo entre a tradición e a vangarda. A voz de Gloria Pavía, acompañada da guitarra de Iago Marta o contrabaixo de Yudit Almeida e a batería de Héctor Agulla, percorren un crisol de xéneros que atravesa diferentes épocas e incorpora referencias de artistas contemporáneas como Silvia Pérez Cruz, Rita Payés, Natalia Lafourcade ou Jorge Drexler. Unha ponte entre tradición e vangarda, un lugar onde o repertorio máis clásico se renova dun xeito orgánico e vibrante.

A continuación, o encontro entre Abe Rábade & Antía Muíño propón un universo sonoro no que conflúen a canción de autor, o jazz e a música tradicional galega. Por unha banda, a sensibilidade das composicións de Antía Muíño, unha das creadoras máis brillantes da última xeración de artistas galegas. Doutra banda, un dos pianistas máis ilustres e respectados do circuíto jazz estatal, o grande Abe Rábade. Xuntos, acaban de dar a luz «Vente vindo / Eu en ti», un EP de dobre cara, ou un dobre single que condensa as súas sensibilidades. Antía abrázase á súa guitarra e ao piano de Abe, co que leva anos colaborando en decenas de directos, para presentar este directo que é un canto á sensibilidade e a delicadeza.

O sábado estará protagonizado pola Orquestra Galega de Liberación, unha formación que traballa coa improvisación dirixida a través do soundpainting, un sistema de creación en tempo real que converte cada concerto nun proceso único. Dirixida por Xacobe Martínez Antelo, a orquestra é a nave nodriza dunha comunidade de case vinte artistas de distintas procedencias reunidos en torno ás artes de vangarda, á búsqueda de novas formas de creación espontánea, e á improvisación como fonte de investigación que buscan ofrecerlle ao público unha experiencia aberta, imprevisible e emocionante.

As entradas poden adquirirse na  página web

CONSULTA EL PROGRAMA EN ESTE ENLACE

0.10517907142639