Arranca este sábado unha nova edición do belén de Begonte co obxectivo de ser de Interese Turístico Nacional

TerraChaXa
Esta cita co Nadal foi presentada polos responsables xunto ao delegado da Xunta e membros do Concello
presentacion-belen-de-bengonte-delegacion
26 Nov 2024

O belén de Begonte inaugurará este sábado a súa edición número 53 co pregón do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez. O evento foi presentado este luns na Delegación Territorial da Xunta en Lugo, coa participación do delegado territorial, Javier Arias; o tenente alcalde begontino, Luis Luaña; o presidente do centro cultural José Domínguez Guizán, Xulio Xiz, e o secretario da entidade, José Rodríguez -fillo do artesán creador do conxunto, José Rodríguez Varela-.

O belén, declarado de Interese Turístico de Galicia, é artesanal e electrónico, e atrae cada ano a arredor de 40.000 visitantes. Poderá contemplarse do 30 de novembro ao 1 de febreiro; entre Nadal e Reis estará aberto todos os días, de 11 a 13 horas e de 16 a 19 horas, e nas restantes semanas abrirá sábados, domingos e festivos, aínda que se poden concertar visitas de grupo noutras xornadas. O obxectivo deste ano será, como indican os organizadores traballar para ser de Interese Turístico Nacional.

Como principal novidade, este ano empeza a incorporar figuras procedentes do belén que instalaba no antigo Hospital Xeral o sacerdote Edelmiro Ulloa, que foron doadas a Begonte polo seu sobriño, o escritor Xosé Carlos Ulloa. Son tamén pezas artesanais e entre as que xa se poden desfrutar figuran unha máquina de mallar ou un cabazo; outras vanse amosar no Museo do centro cultural, que ocupa o recinto anexo.

Por outra banda, os organizadores amplían o programa de actividades coa convocatoria do primeiro Certame Audiovisual sobre o Nadal, que se suma aos tradicionais concursos de poesía, xornalismo, debuxo infantil e arte. A temática é o Nadal en todos os casos, e os premios serán entregados no acto de clausura do Belén. Este novo premio será por votación popular a través de Facebook, xa que se crea un novo grupo para estes temas. As obras que concorran ao concurso de arte serán expostas na Delegación Territorial de Lugo e na casa da cultura de Begonte. Ademais, este ano, aumentan a contía dos premios, que pasan dun total de 4.960 euros a 6.330.

Outras das novidades consiste na venda de produtos relacionados co belén que poden servir de agasallo. Así mesmo, haberá servizo de churros e chocolate nun local da zona.

Así mesmo, os días 21 e 22 celebrarase un mercado de Nadal na praza Irmáns Souto Montenegro e arredores, organizado polo Concello. O mural de Diego As en Begonte ou as tallas de madeira distribuídas polo escultor César Lorenzana nas 19 parroquias, son outras propostas vinculadas ao belén no municipio.

CONSULTA O PROGRAMA DO BELÉN E OS PREMIOS NESTE ENLACE

0.15791797637939