Arranca a Feira da Maquinaria Usada, Artesanía e Antigüidades de Cospeito

TerraChaXa
O Concello de Cospeito prepara unha nova edición da Feira da Maquinaria Usada, Artesanía e Antigüidades, que terá lugar o 29 e 30 de abril.
feira maquinaria usada cospeito
feira maquinaria usada cospeito
26 abr 2024

O Concello de Cospeito volverá celebrar, coincidindo coa última fin de semana de mes, a Feira da Maquinaria Usada, Artesanía e Antigüidades, que terá lugar esta fin de semana e que acada a XXXIII edición.

Esta celebración é xa un referente nos sectores da maquinaria usada e nova, nunha porcentaxe do 50%, agrícola e industrial, a artesanía, os anticuarios, a floricultura e todo tipo de dispositivos que se poidan ver nunha feira. Contará con expositores de maquinaria, postos de artesanía de Galicia e León e anticuarios chegados de toda Galicia. Mantén tamén a feira a venda directa de particulares na artesanía, que terán o espazo gratuíto.

Espérase unha asistencia dun total de 120 expositores os dous días da feira, con anticuarios, artesáns e entre 20 e 25 expositores de maquinaria, ademais de diferentes postos ambulantes.

A feira, que será de entrada gratuíta, abrirá as súas portas o sábado 27 ás 10.00 no recinto feiral e media hora máis tarde farano o pavillón dos deportes, onde estará situada a exposición de anticuarios. Estas dúas mostras permanecerán abertas ata as 20.30 horas. A inauguración oficial será ás 13.00 horas. O domingo abrirá ás 9.00 horas e pechará ás 20.30.

O programa completarase con outras actividades. Hoxe, venres, ás 20.30 horas, terá lugar na casa da cultura da Feira do Monte a presentación da película sobre a actividade económica, cultural, turística e patrimonial do municipio como antesala da celebración.

Volverá a Festa da Música, na súa terceira edición, que terá lugar na praza da Feira o sábado. Ás 12.00 horas o grupo folclórico Pedralva, de Portugal, abrirá a xornada cun pasarrúas e a festa será ás 13.30 horas con este mesmo grupo e Asubíos da Chaira. Para as 19.30 están previstos os cantos de taberna.