Arranca hoxe unha nova edición do FIV

Vilalba converterase esta fin de semana no epicentro da música en directo cunha nova edición do Festival Independente de Vilalba (FIV), que reunirá a artistas destacados do panorama actual e propostas para todos os públicos.
A programación arrancará esta tarde no escenario Vibra Mahou, con apertura de portas ás 19.00 horas. A xornada dará comezo ás 19.30 coa actuación de Futuro Alcalde, seguida de Celia Becks ás 21.00, Carlos Ares ás 22.45 e Alcalá Norte ás 00.30. A noite completarase cunha sesión na zona DJ a cargo de Rapariga DJ.
O sábado dividirase en dúas propostas diferenciadas. Durante o día, o escenario #FIVer by Lactalis acollerá actividades cun ambiente máis familiar, comezando ás 12.30 coa Banda de Música de Vilalba, seguida de Grande Osso ás 13.45 e unha sesión de karaoke con FIVStars e Esteban ás 15.30.
Xa pola noite, o escenario principal retomará a programación con apertura de portas ás 19.00 horas. Os concertos arrancarán ás 19.30 con Repion, continuarán con Puño Dragón ás 21.00, La M.O.D.A. ás 22.45 e pechará Ángel Stanich ás 00.45. A xornada concluirá cunha nova sesión DJ a cargo de Grande Osso.
O festival manterá ademais o horario continuado de billeteira, aberto de 12.00 a 00.00 horas, consolidándose como unha das citas musicais máis destacadas do calendario galego e un importante revulsivo cultural e económico para a Terra Chá.

VISITA INSTITUCIONAL
A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, supervisaron este mediodía o dispositivo para o inicio do Festival Independente de Vilalba (FIV). Asistiron ás probas de son previas ao arranque da cita musical, que volve contar este ano cunha achega provincial de 50.000 euros.
Carmela López destacou que o FIV “é un referente en Galicia, unha aposta intelixente do Concello de Vilalba, que sabe do impacto que ten na economía e da promoción turística que supón para o municipio”. Nese sentido, o festival ten un retorno calculado de aproximadamente un millón de euros, ao que hai que engadir a repercusión social derivada da contratación das subministracións necesarias, servizos ou persoal.
Pola súa banda, Marta Rouco sinalou que esperan “outra edición exitosa” do festival, que o Concello impulsa cunha achega de 120.000 euros. Unha cita con moitísima repercusión en termos turísticos, porque “pon Vilalba no mapa e ofrece a quen nos visita unha experiencia memorable que leva consigo da nosa terra”.