Arranca nas Pontes o programa das Festas do Carme e da Fraga, con máis de 50 actividades

Arrancan este sábado as Festas do Carme e A Fraga 2026, que se iniciaron o día 3 e se desenvolverán ata o 25 de xullo cun amplo programa de actividades culturais, musicais, deportivas, relixiosas e de lecer pensado para todos os públicos. Máis de medio cento de propostas converterán novamente o municipio nun dos grandes referentes festivos do verán galego, cunha programación que combina tradición, patrimonio, participación cidadá e espectáculos de primeiro nivel.
Entre as actividades previas aos días grandes destacan a exposición colectiva "Unha foto un poema", instalada no patio do CEIP Santa María entre o 9 de xullo e o 31 de agosto; a solemne novena na honra da Virxe do Carme, do 10 ao 18 de xullo; e a exposición "A música é o mellor", de Luis M. Torrente, na Casa Dopeso.
O 11 de xullo celébrase unha nova edición do Certame de Bandas, coa participación da Banda da Escola de Música Charamela de Pontedeume, da Agrupación Musical Lira de San Miguel de Oia e da Banda Cultural e Recreativa das Pontes.
Do 13 ao 16 de xullo, os Xardíns do Campo da Feira acollerán o Parque Activo, con actividades infantís e familiares, mentres que as noites estarán protagonizadas polo ciclo As Noites do Carme, que incluirá actuacións da Escola Municipal de Pandeireta, o III Festival Música de Ultramar, o IV Festival de Acordeóns Vila das Pontes e espectáculos para público familiar.
O 17 de xullo comezarán oficialmente as festas co tradicional pregón, que nesta edición será pronunciado por destacados deportistas ponteses, nun recoñecemento á súa traxectoria, ao seu esforzo e aos valores que representan para a sociedade pontesa.
A continuación celebrarase o concerto do 40 aniversario de Duncan Dhu, con Mikel Erentxun á fronte, seguido dunha gran verbena coa Orquestra Panorama.
O 18 de xullo, festividade da Virxe do Carme, a xornada estará marcada polos pasarrúas dos grupos tradicionais da vila, o concerto da Banda de Música das Pontes, a sesión vermú con La Mecánica, os actos relixiosos, a tradicional procesión acompañada pola Banda de Música das Pontes e pola Banda de Gaitas da Escola Municipal, a actuación da Agrupación Coral das Pontes e un gran espectáculo piromusical. A noite rematará coa verbena das orquestras La Misión e Os Players.
Unha vez finalice a verbena, na madrugada do 18 ao 19 de xullo, iniciarase a elaboración da tradicional alfombra floral na honra da Virxe do Carme, que cubrirá o percorrido da procesión do domingo. O Concello das Pontes anima á veciñanza a participar nesta iniciativa colectiva, que cada ano reúne a numerosas persoas voluntarias e constitúe unha das tradicións máis representativas das Festas do Carme.
O 19 de xullo continuará a programación coa eucaristía, a procesión da Virxe do Carme, a ofrenda floral, a sesión vermú co Grupo Antha e a verbena protagonizada polas orquestras París de Noia e Os Satélites.
O 20 de xullo celebrarase a festividade de Santa María Madalena xunto ao Festival Internacional de Folclore, que reunirá agrupacións de Galicia, Alacante, México, Chile e Serbia, antes da verbena coas orquestras Origen e Olympus.
O 21 de xullo, a Praza de América acollerá o espectáculo "A historia da Verbena", da Oca Band, mentres que o 22 de xullo a Avenida da Coruña converterase nun gran espazo de lecer infantil con inchables, xogos e festa da escuma.
A Fraga, broche final das festas
As Festas do Carme e A Fraga despediranse os días 24 e 25 de xullo coa celebración da Fraga, un dos grandes símbolos da identidade pontesa e unha cita declarada Festa de Interese Turístico de Galicia.
O venres celebrarase o Festival da Fraga, coas actuacións de Alana, Xosé Liz, Ortiga e Mekanika Roll in Band.
O sábado terá lugar a tradicional Romaría da Fraga, con misa campestre, sesión vermú amenizada por Festicultores, pasarrúas da Batukada Latexo e a actuación da Orquestra Triunfo, poñendo o broche final a máis de tres semanas de intensa actividade cultural, musical e festiva.
Lorena Tenreiro concluíu convidando á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nunhas festas que, segundo destacou, "representan o mellor das Pontes. Son unha celebración que fala da nosa identidade, da nosa capacidade para conservar as tradicións e, ao mesmo tempo, ofrecer unha programación moderna, diversa e de calidade.
Agardamos que estas festas volvan ser un espazo de encontro, convivencia e orgullo colectivo, no que veciñanza e visitantes compartan o mellor do noso patrimonio, da nosa cultura e da nosa hospitalidade."