Arranca o curso escolar na provincia con 32.500 alumnos en Infantil e BAC

O delegado territorial da Xunta, Alfonso Villares, visitou no primeiro día de curso o CEIP Anexa de Lugo, onde volven ás aulas arredor de 460 alumnos e alumnas de educación Infantil e Primaria e preto de 40 profesores.
En todo o municipio inician as clases cerca de 12.800 rapaces e rapazas matriculados en Infantil, Primaria, ESO, BAC e Educación Especial; e no conxunto da provincia aproxímanse aos 32.500.
Villares subliñou como principal novidade o incremento do profesorado e o reforzo das medidas de atención á diversidade. Así, xa neste curso se incorporan en Galicia 900 docentes só na etapa de Secundaria, dos que 150 son especialistas en Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe e Orientación.
Tamén destacou os recursos de apoio ao alumnado e ás familias, que aumentaron nun 25% nos últimos catro anos. No curso actual, a Xunta destina 145 M€ a financiar gastos de comedor, libros e material escolar, entre outros.
Xunto con todas estas medidas, o delegado tamén resaltou a modernización progresiva da rede de centros públicos lucenses, coa execución de obras que se intensifican durante os períodos non lectivos.
Así, este verán estiveron en marcha 46 actuacións noutros tantos colexios e institutos da provincia, cun investimento total de 3,5 millóns de euros. Entre eles hai cinco proxectos de gran envergadura, que son a ampliación do IES Muralla Romana de Lugo – 1,5 M€ -; a rehabilitación integral do CEIP San Miguel de Reinante de Barreiros – 373.500 € -; a reforma do pavillón do CEIP Veleiro- Docampo de Castro de Rei – case 470.000 € -; a substitución de carpinterías e luminarias do CEIP Terra Chá de Vilalba – 198.440 € -; e o cambio de cuberta do IES Pedregal de Irimia de Meira – 161.337 € -.
Paralelamente execútanse outras obras con menor orzamento pero igualmente importantes para o bo funcionamento dos centros, como a substitución de fiestras exteriores por outras máis eficientes; a renovación de caldeiras; a instalación ou acondicionamento de peches; e todo tipo de obras de conservación e mantemento.