Arranca o Festival de Cine de Roca un programa ampliado na súa décima edición

TerraChaXa
A asociación Xermolos e a veciñanza de Roca celebrarán a próxima fin de semana unha nova edición do Festival de cine de música de Roca
PREMIOS-FESTIVAL-CINE-DE-ROCA
PREMIOS-FESTIVAL-CINE-DE-ROCA
6 Xul 2023

A asociación Xermolos e a veciñanza de Roca arranca hoxe unha nova edición do concurso de curtametraxes do Festival de cine de música de Roca, nesta aldea de Guitiriz. Será esta unha edición máis completa cun amplo programa de actos que por primeira vez implica unha ampliación dos días de festival, coincidindo co décimo aniversario.

Así, a inauguración desta décima edición está prevista para hoxe na Casa Habanera ás 20.30 horas. Nesta sesión presentarase o libro-disco Fuliada na Vila, de Richi Casás e Branca Villares. Rematarán a xornada coa proxección de Dorothè na Vila (2020), obra de Alexandre Gándara e Olaia Tubío.

O venres dará comezo o festival con dúas proxeccións fóra de concurso a partir das 22.00 horas e xa nas instalacións de Roca, Galicia Rural. Serán Cuerdas e Eterna, ambas as dúas de 2o22.

DÍA GRANDE

O sábado será o día grande e comezará a sesión cunha Ruta polo río Requixo, guiado por Cristina Rodríguez, Bibiana Lorenzo e Roi Cuba con saída da escola de Roca.

O pregón terá lugar ás 13.30 horas a cargo de Anxo Moure, ao que seguirá a sesión vermú con Caivanca antes de dar pé a unha sesión de xogos tradicionais.

Antes do concurso están previstas outras acgividades máis como a proxección do Entroido de Roca, unha sesión de contacontos de Anxo Moure e unha mesa redonda sobre crítica cinematográfica. Ás 21.00 horas o concerto de Peitoescuro abrirá a sección de concurso.

Este ano preséntanse catro curtas na categoría de galegas, A barqueira do Miño, Antes de que se poña o sol, El último de Arganeo e A marquesiña. Proxectaranse a partir das 22.10 horas.

A continuación darase paso ás proxeccións de curtas internacionais, nas que hai seis aspirantes ao premio: Fortíssimo, En tu vestido, Versos para rumiantes, Lobo, Donde irán e Pintar unha Guitarra. A primeira é francesa e a segunda de Cuba, o resto do territorio español.

A entrega de premios está prevista para a medianoite para rematar o festival cun concerto na eira de Galicia Rural a cargo de Leria e a actuación do DJ Misa.

O domingo continuará a programación con máis proxeccións, sesión vermú con Os do Campo e xogos tradicionais. A partir das 18.00 horas proxectaranse as curtas creadas polo alumnado do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz.

Seis pezas de entre 5 e 23 minutos que porán o colofón ao festival.

ALDEA DE ROCA

O Festival de Cine de Música en Roca é un proxecto cultural organizado na aldea de Roca, no que durante dous días se proxectan películas, documentais e curtametraxes con temática musical, ó aire libre, e co obxectivo de dinamizala vida cultural da aldea e arredores.

Este proxecto naceu arredor da Asociación cultural Xermolos inspirado na Mostra de Cine de Ascaso.

Este ano debido á magnitude do programa, estableceuse un lugar para acampar.

FESTIVAL-CINE-DE-ROCA-PROGRAMA
anxo-moure-pregon-festival-musica-de-cine-de-roca
cartaz-festival-musica-cine-roca-guitiriz
0.18280100822449