Arranca un proxecto de dinamización da praza de Santa María nos domingos de feira

O Concello de Vilalba impulsa unha nova iniciativa para dinamizar os domingos de feira e, ao mesmo tempo, poñer en valor a produción local e de proximidade. O vindeiro domingo 4 de outubro, a Praza de Santa María acollerá a primeira Feira de Futuros/as Produtores/as Profesionais, unha proposta organizada polo Concello en colaboración coa Asociación A Estruga.
A feira desenvolverase entre as 10:00 e as 14:00 horas e contará con arredor dunha decena de postos de produtores e produtoras de alimentos e bebidas, con propostas vinculadas á agroecoloxía, á produción de proximidade e ao aproveitamento dos recursos do territorio.
A iniciativa nace coa vontade de dar máis actividade á Praza de Santa María durante os domingos de feira, atraer veciñanza e visitantes ao centro da vila e xerar un novo espazo para coñecer e apoiar proxectos produtivos vinculados ao territorio.
Ademais dos postos de venda, a feira contará cun punto informativo dirixido a persoas interesadas en converterse en futuras produtoras profesionais, ofrecendo un espazo de orientación e intercambio arredor destas actividades.
A programación tamén incluirá actividades para público infantil, coa finalidade de que a proposta sexa tamén un espazo familiar e de participación.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destaca que esta iniciativa parte da necesidade de seguir xerando actividade arredor da feira e de aproveitar os espazos públicos como lugares de encontro: “Queremos que os domingos de feira teñan cada vez máis vida e que a Praza de Santa María sexa tamén un punto de encontro para a veciñanza. Esta proposta permítenos achegar produtores, consumidores e persoas que están pensando en iniciar un proxecto profesional vinculado ao territorio”.
Rouco sinala ademais que o obxectivo é apoiar os produtos de proximidade e visibilizar o rural como un espazo no que tamén se pode emprender e desenvolver un proxecto profesional.
Pola súa parte, a concelleira de Feiras e Mercados, Paula Vigo, salienta a colaboración coa Asociación A Estruga, que conta xa con presenza habitual no mercado municipal os martes e venres, como unha oportunidade para ampliar esta actividade aos domingos de feira e achegar novas propostas á cidadanía.
Desde A Estruga destacan tamén a importancia de crear espazos nos que os produtores poidan dar a coñecer os seus proxectos e establecer contacto directo coas persoas consumidoras.
O Concello anima así á veciñanza a achegarse o domingo 4 de outubro á Praza de Santa María, entre as 10:00 e as 14:00 horas, para coñecer as propostas dos diferentes produtores e produtoras e participar nunha nova actividade dentro dos domingos de feira de Vilalba.