Arranca unha nova edición da Feira da Cantería, Callos e Artesanía de Parga

GaliciaXa | TerraChaXa
Un dos principais atractivos da feira volverá ser o XXVIII Certame de Cantería, que se desenvolverá entre as 9:00 e as 14:00 horas e repartirá 1. 500 euros en premios
presentacion-feira-canteria-de-parga
18 Jul 2026

A XXXI Feira da Cantería, Callos e Artesanía de Parga celebrarase este domingo 19 de xullo. O evento está organizado polo Concello de Guitiriz e a Asociación Feira de Parga, coa colaboración da Deputación de Lugo, a través do Plan Único de Cooperación cos Concellos 2026; da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Santo Estevo de Parga; e da Xunta de Galicia, a través do programa Cultura no Camiño de AGADIC.

Esta edición servirá tamén como homenaxe ás persoas que impulsaron os primeiros pasos da feira: “Queremos render homenaxe a aqueles veciños e veciñas que tiveron a idea de facer unha feira arredor dos callos, poñendo en valor o noso rural e as asociacións que traballan por mantelo vivo”, dixo a alcaldesa.

A programación dará comezo ás 8:30 horas coa apertura do XXVIII Certame de Cantería. Ás 10:00 horas abrirase a mostra de artesanía, que contará con arredor de 25 postos de artesáns e artesás procedentes de distintos puntos de Galicia. A partir das 11:00 horas iniciaranse as actuacións musicais cos grupos municipais, Na Casa Zoqueiro e o pasarrúas do Grupo Caivanca.

Entre as 11:00 e as 13:30 horas desenvolverase tamén o Campionato Galego de Andadura. Ás 13:30 horas celebrarase o peche do Certame de Cantería e o pregón, que correrá a cargo da antiga asociación A Raxeira de Parga. Ás 14:00 horas terá lugar o fallo do xurado e a entrega de premios do certame.

Pola tarde, entre as 16:00 e as 18:00 horas, continuará o Campionato Galego de Andadura. Ás 17:30 horas o recinto feiral acollerá o espectáculo de maxia ‘Bruxa en prácticas’, da Meiga Belmonte, incluído no programa Cultura no Camiño de AGADIC. A xornada pecharase ás 19:00 horas coa actuación dos Camachuelos e o seu espectáculo ‘Versións á nosa maneira’, tamén coa colaboración de AGADIC.

XXVIII Certame de Cantería, con 1.500 euros en premios

Un dos principais atractivos da feira volverá ser o XXVIII Certame de Cantería. O obxectivo deste concurso é promocionar o oficio de canteiro e poñer en valor a pedra como un dos recursos patrimoniais e turísticos máis destacados do municipio. A participación está limitada a 15 persoas.

A organización facilitará a cada participante un cachote de granito silvestre e a temática da obra será libre. Os concursantes deberán achegar as súas propias ferramentas manuais para a elaboración das esculturas.

Os traballos realizaranse entre as 9:00 e as 14:00 horas. O concurso repartirá 1. 500 euros en premios, con 750 euros para a primeira persoa clasificada, 500 euros para a segunda e 250 euros para a terceira.

O xurado estará integrado por entre tres e cinco persoas designadas pola organización e valorará aspectos como a innovación e a orixinalidade da obra, a calidade técnica e estética da escultura e a complexidade da súa execución.

programa-feira-canteria-de-parga
0.11929392814636