Arrancan as obras de construción da residencia de Guitiriz

TerraChaXa
A Deputación de Lugo arranca as obras de construción da residencia de Guitiriz, que permitirá ofrecer un total de 46 prazas
OBRAS CAM GUITIRIZ RESIDENCIA
OBRAS CAM GUITIRIZ RESIDENCIA
28 Abr 2023

O Centro de Atención a Maiores de Guitiriz estará dividido en catro plantas, e disporá de 23 dormitorios dobres, que permitirán ofrecer un total de 46 prazas.

A Deputación de Lugo informa á cidadanía de que arrancaron as obras de construción da residencia de Guitiriz. O Presidente, José Tomé Roca, e a Alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira Morandeira, supervisaron este venres a pé de obra o inicio dos traballos  do Centro de Atención a Maiores, situado en pleno centro urbano, en fronte da Casa Consistorial, con accesibilidade a todo tipo de servizos. As obras teñen un prazo de execución de 18 meses e contan cun orzamento de 2M€.

A residencia de Guitiriz estará dividida en catro plantas, e disporá de 23 dormitorios dobres, que permitirán ofrecer un total de 46 prazas.

No semisoto estarán situados dous almacéns, a lavandería e cuartos de instalacións. Na planta baixa atoparanse o vestíbulo, a recepción, a dirección, a sala de convivencia, a sala de actividades, a unidade social, o comedor, dous aseos, os vestiarios do persoal e o cuarto de limpeza. Na primeira planta están proxectados 11 dormitorios dobres con baño, a consulta médica e sala de curas, dous cuartos individuais de enfermería, o aseo de enfermería, o almacén de farmacia, a sala de estimulación sensorial, o cuarto de limpeza e o baño xeriátrico. O resto das habitacións, 12 dormitorios con baño, estarán na segunda planta, xunto ao ximnasio con aseo, o cuarto de limpeza, un almacén e o baño xeriátrico.

Coma no resto de residencias que constrúe a institución provincial, os usuarios tamén disporán doutras dotacións, como salas de estar, de lectura ou de televisión, todas elas de uso común, e servizos de lavandería, cociña, enfermería e primeiros auxilios, o que asegura a prestación de amplos servizos de calidade para os usuarios.

Esta dotación precisará de persoal para cubrir as necesidades dos maiores, polo que se crearán postos de traballo directos que inclúen coidadores sociais, médicos e ATS, que darán cobertura ás 24 horas do día, así como administrativos, cociñeiros ou persoal de limpeza, entre outros.

A Deputación tivo que redactar o proxecto da residencia de Guitiriz de novo tras o colapso da Casa da Botica debido a un temporal. Un proxecto validado por Patrimonio da Xunta, no que quedarán integrados no edificio elementos patrimoniais catalogados e de interese da Casa da Botica, como son o reloxo de sol, as xambas e a lareira.

0.17114305496216