Arrancan nas Pontes as obras de renovación da Rúa Real na súa fase 2

O Concello das Pontes iniciou as obras de renovación do pavimento e mellora da rúa Real (2ª fase), unha actuación destinada a reforzar a seguridade peonil, mellorar a accesibilidade e contribuír á posta en valor dun dos espazos máis emblemáticos do casco histórico da vila.
Os traballos, adxudicados á empresa Ambientum Tratamiento Global del Medioambiente S.L., contan cun investimento total de 89.518,80 euros, IVE incluído, e teñen un prazo de execución estimado de dous meses.
Esta intervención permitirá dar continuidade ás actuacións realizadas nos últimos anos nesta contorna, avanzando na modernización dos espazos públicos e na creación dunha imaxe urbana máis homoxénea e funcional no centro histórico.
Entre os traballos que xa se están a executar figura a substitución do pavimento actual, formado por lousas de granito que presentan un elevado nivel de desgaste e incidencias derivadas de roturas e desprendementos. O novo firme executarase con lousas de granito de acabado flamexado, unha solución que mellora a adherencia e incrementa a seguridade dos peóns, especialmente durante os períodos de choiva.
A intervención contempla tamén a renovación da base de asentamento do pavimento, mediante a incorporación de novos materiais que garantirán unha maior estabilidade estrutural e unha vida útil máis prolongada. Así mesmo, manteranse as características actuais da rúa en canto a niveis e pendentes e conservarase o sistema de drenaxe existente para asegurar unha correcta evacuación das augas pluviais.
No marco das obras estanse realizando tamén traballos de adaptación de rexistros, arquetas e sumidoiros, así como actuacións de mantemento nas franxas laterais lastradas, onde se detectaron deterioros que requiren reparación e reposición do rexuntado.
Outro dos aspectos incluídos no proxecto é a mellora da iluminación ornamental da rúa, mediante a instalación de novas balizas luminosas que complementarán o alumeado existente. A utilización de canalizacións xa dispoñibles permitirá executar esta actuación minimizando as afeccións e evitando novas obras de infraestrutura.
Co obxectivo de preservar a calidade do espazo público e reforzar a seguridade viaria, o proxecto contempla tamén a colocación de bolardos e outros elementos de sinalización que contribuirán a regular o acceso de vehículos ás zonas máis sensibles da rúa.
O Concello lembra que esta actuación se centra exclusivamente na renovación urbana da rúa Real e non inclúe intervencións no coñecido como Ponte dos Ferros, ben patrimonial para o que se prevé desenvolver unha actuación específica e independente.
Con esta nova actuación, o Concello das Pontes continúa avanzando na mellora e modernización dos espazos públicos, apostando por unha vila máis accesible, segura e respectuosa co seu patrimonio histórico.