Arrancaron as obras de mellora da estrada entre Friol e Lousado cun investimento de máis de 275.000 euros

A Deputación de Lugo iniciou esta semana as obras de rehabilitación da estrada provincial LU-P-2106, que une Friol (LU-934) con Lousado (LU-P-2303) por Cimadevila, unha actuación que supón un investimento de 275.638€ e que permitirá mellorar o estado desta vía ao seu paso polos concellos de Friol e Begonte.
Os traballos comezaron coa limpeza das gabias, unha actuación previa imprescindible para asegurar a correcta drenaxe da estrada e favorecer a conservación do firme antes de executar o resto das intervencións previstas no proxecto. A actuación abrangue o treito comprendido entre os puntos quilométricos 0,685 e 10,937.
As obras foron adxudicadas á empresa ECOASFALT S.A. por un importe de 275.638 euros. O proxecto contempla unha actuación integral para mellorar as condicións de circulación e seguridade desta estrada provincial. Ademais da reapertura e limpeza das gabias e da execución de obras de drenaxe, realizaranse traballos de saneo da explanada e do firme nas zonas deterioradas, reparación de fochancas e afundimentos, pavimentación e reposición da sinalización vertical. O obxectivo é prolongar a vida útil da vía e ofrecer unha circulación máis cómoda e segura para os usuarios.
Dende a Deputación destacan que esta actuación "forma parte do compromiso da institución provincial por manter en boas condicións a rede de estradas máis extensa de España, unha infraestrutura fundamental para garantir a mobilidade da veciñanza, facilitar a actividade económica e contribuír a fixar poboación no rural".
As obras teñen un prazo de execución de catro meses, durante os que se poderán producir restricións puntuais ao tráfico para garantir a seguridade tanto dos traballadores como dos usuarios da vía.