Arrinca a nova Liga de Billarda
O domingo 16 de setembro, arrincou a nova tempada da liga regular de billarda no campo de fútbol de Castroverde, onde os compañeiros da Asociación cultural A chave das Noces inauguraron un campo específico e permanente para a práctica de billarda.
Tarde expléndida na que se xuntaron 55 palanadores para disputar os primeiros puntos en xogo, entre eles, tres Campións da liga das Rías Baixas, Begoña, Ricar e Xan Rodiño que estiveron antes do comezo. Xan Rodiño fixo entrega a cinco palanadores da conferencia (Daniel, Franco, Geni, Markytos e Xermán) duns diplomas conmemorativos por ter superado os cen encontros en liga.
Por distintos motivos, algún dos equipos presentou baixas que mermaron as súas posibilidades pero aínda e así a participación foi moi boa.
O campo de herba, aínda que moi ben acondicionado, non o puxo doado. Habilitáronse tres pistas simultaneas nas que as billardas con máis ou menos fortuna, surcaban o ar en busca do varal. Non houbo varado ningún, os especialistas rondaron preto, mais sin fortuna.
Quen máis quen menos foi deixando polo camiño algún que outro punto chegando ao final das cinco carreiras regulamentarias con Albino (do equipo Carabullo) como gañador con 23 puntos de 25 posibles. Segundo foi Xan Rodiño con 21 puntos e para o terceiro posto xogouse un desempate entre Corton (de Chainzos-Cadaval), Manu (de Polka Miseria) e Oscar Trade (de Billarda Verde), ambos os tres con 20 puntos. Corton foi o máis regular e quedou en terceiro lugar.
En donas, espectacular actuación de Paula (de Chainzos-Cadaval), que estivo moi atinada nun campo difícil, superando a Bego (Corredoiras de Bueu) e a Geni (Billardeiros Musicais).
Por equipos, comezan no primeiro posto os Chainzos-Cadaval, vencedores da xornada con 72 puntos, segundos Troitas Bravas con 70 puntos e terceiros Billardeiros musicais e Carabullo con 67 puntos.
Antes da segunda xornada en A Pontenova, haberá un encontro no festival Son Labrego de Chantada o sábado 22 de setembro.
As clasifiacións logo desta primeira xornada quedan asi:
Individual:
- Albino (Carabullo) 23 p.
Cortón (Chainzos-cadaval), Manu (Polka Miseria) e Oscar Trade (Billarda Verde) 20 p.
Donas:
- Paula (Chainzos-Cadaval) 17 p.
Geni (Billardieors Musicais) 12 p.
Lucía (Remourelle bulls) 9 p.
Equipos:
- Chainzos-Cadaval 72 p.
Troitas Bravas70 p.
Billardeiros Musicais e Carabul 67 p.
Como preludio da nova tempada billardeira, comezaron en Remourelle adicando os primeiros golpes en lembranza dun bravo palanador, pioneiro na recuperación deste noso xogo-deporte no III Memorial Calvete. Un puñado de amigos, acompañados da súa viuva Carmiña, rendéronlle unha merecida homenaxe ao tempo que daban o pistoletaxo de saída a Liga 2018/2019.