As compras no comercio local das Pontes terán premio cunha campaña ligada á eclipse solar

O comercio local das Pontes súmase á celebración da eclipse solar do próximo 12 de agosto cunha campaña promocional que busca incentivar as compras coincidindo cun dos fenómenos astronómicos máis destacados dos últimos anos.
A Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios Ponteses (COHEMPO) desenvolverá entre os días 5 e 12 de agosto a iniciativa 'Prepárate para a Eclipse co Comercio Local', coa que pretende aproveitar a expectación xerada arredor deste evento para dinamizar a actividade comercial na vila.
As persoas que realicen compras nos establecementos adheridos poderán participar nunha dinámica na que, ao extraer unha bóla, optarán a diferentes premios. As bólas negras darán dereito a recibir unhas lentes homologadas para observar a eclipse con seguridade; as amarelas estarán premiadas cun vale de compra de 5 euros para gastar nos comercios participantes; e as brancas permitirán entrar no sorteo de catro vales de 50 euros para consumir nas ópticas colaboradoras.
En total, a campaña repartirá 1.000 lentes homologadas, co obxectivo de facilitar que a veciñanza poida seguir a eclipse cumprindo as recomendacións de seguridade.
A iniciativa tamén contará coa colaboración das ópticas participantes, que difundirán información sobre a observación segura do fenómeno astronómico. Ademais, durante a campaña compartiranse nas redes sociais e medios dixitais consellos e contidos divulgativos relacionados coa eclipse.