As emocións como negocio

TerraChaXa
Por Lara Real Lema  O outro día atopei no parabrisas do coche un papeliño que poñía “Maestro Fofana, famoso vidente de nacemento, non hai problema sen solución”.
Lara Real
20 Nov 2018

Por Lara Real Lema 

outro día atopei no parabrisas do coche un papeliño que poñía “Maestro Fofana, famoso vidente de nacemento, non hai problema sen solución”. Sinalaba este Maestro que era capaz de tratar con éxito todo tipo de problemas: saúde, amor, cartos, enfermidades… un choio ao outro lado do whatsapp.

Josep Pàmies sabe que os papeliños nos parabrisas dos coches non chegan a tanta xente como as redes sociais e por iso emprega facebook como altofalante para recomendar falsos remedios entre os que destaca un tipo de lixivia industrial (MMS) que curaría calquera tipo de enfermidade, dende o ébola ata o autismo. Este señor esquece mencionar que o produto que anuncia está prohibido polo Ministerio de Sanidade dende 2010 polos seus efectos adversos e se escuda nos posibles intereses que ten a industria farmacéutica. Ao longo do mes de outubro as conferencias programadas por este agricultor (como así se define) foron suspendidas, pero o dano xa está feito, unha nai a que entrevistaban en relación a este tema estaba disposta a darlle ao seu fillo diagnosticado con trastorno do espectro autista MMS porque era “unha solución natural e barata e non perdía nada”.

Atención especial merece a denominada “bioneuroemoción”. A parte “médica” deste movemento procede da chamada Nova Medicina Xermánica, inventada polo doutor Hamer tras a morte do seu fillo. Este home descartou de súpeto todo o descuberto sobre patoloxías e decidiu sen ningún tipo de base científica que o avalase, que todas as enfermidades proviñan de conflitos emocionais. Por exemplo, as metástases non eran células canceríxenas diseminadas polo corpo, eran novos tumores causados polo conflito interno de recibir a noticia do cancro orixinal. En España a cabeza visible deste movemento é Enric Corbera, empresario e psicólogo denunciado polo colexio de psicólogos catalán, afirma que todo está na mente e que se non te curas é porque non queres. Así de directo. Ao mesmo tempo sinala que se morres é porque unha parte de ti quere morrer. Estamos ante algo infalible e sen lugar a erro. No seu afán por darlle rigor ao que predica, Corbera formulou o que el denomina ecuación emocional fundamental na que mestura a física cuántica, a teoría da relatividade, a física newtoniana, a bioloxía, a psicoloxía e a metafísica. Un xeroglífico que se pode atopar en internet.

¿Por que algunhas persoas non valoran as capacidades do maestro Fofana pero sí consideran que beber lixivia disolta pode mellorar un trastorno do espectro autista? ¿por que chegamos a pensar que se padecemos cancro de páncreas é resultado dun conflito por unha herdanza? Porque estamos ante un nivel de engano máis sofisticado e porque en moitos casos a desesperación pola diagnose dunha enfermidade sen cura ou o cansancio tras tratamentos que non tiveron moita efectividade conlevan que baixemos a garda e valoremos outras opcións. Podemos pensar, ¿que se perde por probar? No mellor dos casos, só diñeiro; no peor, a familia, a saúde e mesmo a vida.

0.21147894859314