As entidades sociais das Pontes poderán optar a 162.500 euros para desenvolver programas de benestar social

TerraChaXa | FerrolXa
O Concello abre unha nova convocatoria de subvencións para apoiar proxectos de inclusión, atención a colectivos vulnerables e participación comunitaria
ConcelloAsPontes
3 Aug 2026

O Concello das Pontes vén de abrir unha nova convocatoria de subvencións destinada ás entidades sociais do municipio, cunha dotación económica de 162.500 euros para apoiar o desenvolvemento de programas e actividades de interese social promovidos por asociacións sen ánimo de lucro.

A iniciativa, impulsada a través da Concellería de Benestar Social, busca reforzar o labor que desenvolve o tecido asociativo local en ámbitos como a atención ás persoas maiores, ás persoas con diversidade funcional, ás persoas con adiccións ou aos colectivos en risco de exclusión social, así como favorecer proxectos que impulsen a integración e a participación na vida comunitaria.

Poderán optar a estas axudas as entidades legalmente constituídas, inscritas no Rexistro de Asociacións de Galicia, que carezan de ánimo de lucro e desenvolvan a súa actividade nas Pontes ou leven a cabo actuacións consideradas de interese para o municipio.

As asociacións interesadas disporán dun prazo de dez días hábiles desde o día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia da Coruña para presentar as súas solicitudes. O Concello recomenda realizar o trámite a través da sede electrónica municipal.

Á hora de valorar as propostas, teranse en conta aspectos como a adecuación dos proxectos aos programas municipais de Servizos Sociais, o seu impacto na integración de persoas en situación de vulnerabilidade, a participación de profesionais cualificados nas actividades e a incorporación da perspectiva de igualdade de xénero.

As entidades deberán presentar unha memoria explicativa das actuacións para as que solicitan financiamento, así como información sobre as persoas beneficiarias, o calendario de execución, o orzamento previsto e a experiencia desenvolvida nos últimos anos.

Con esta convocatoria, o Concello das Pontes reafirma o seu apoio ao tecido asociativo do municipio e ao traballo que realizan as entidades sociais, consideradas un piar fundamental para mellorar a calidade de vida da veciñanza e ofrecer resposta ás necesidades dos colectivos máis vulnerables.

0.12024903297424