As festas de San Pedro en Pígara encherán de música e tradición a parroquia

A parroquia de Pígara, no concello de Guitiriz, celebrará a fin de semana as súas tradicionais festas na honra a San Pedro cun amplo programa de actividades relixiosas, gastronómicas e musicais para todos os públicos.
Os festexos comezarán o venres ás 22.00 horas cunha degustación gratuíta de liscos e chourizos para os asistentes. A continuación celebrarase unha verbena amenizada pola cantante Begoña García e o Dúo Venus.
O sábado terá lugar a xornada principal das festas. Ás 13.30 horas celebrarase a misa solemne seguida da procesión na honra ao santo. Ao remate haberá sesión vermú amenizada polo Grupo Ritmo. Pola noite, a música volverá ser protagonista cunha gran verbena a cargo do propio Grupo Ritmo e da Orquestra Orixen.
As celebracións rematarán o domingo cunha misa solemne ás 13.30 horas e a correspondente procesión, acompañadas nesta ocasión pola Charanga GR. A sesión vermú correrá a cargo do Dúo Acherizados, poñendo o peche a tres días de festa.
A comisión organizadora anima á veciñanza e aos visitantes a participar nestas celebracións, que cada ano reúnen a numerosas persoas arredor da tradición, a música e a convivencia na parroquia de Pígara.